A independencia financeira é imprescindible para avaliar libremente as necesidades das poboacións ás que asistimos, sen que a nosa decisión estea condicionada pola axenda internacional dos financiadores nin polos intereses de política exterior dos estados ou dos axentes directa e indirectamente implicados.
Para logralo, MSF basea a súa estratexia na obtención de fondos que acheguen estabilidade, que procedan de fontes diversas e que estean comprometidas cos principios humanitarios. Isto reflíctese nunha estrutura de fondos na que predominan os de orixe privada fronte aos públicos, e na que o máximo expoñente sexan as achegas directas dos nosos socios e colaboradores.
Unha estrutura financeira sólida e independente asegura a pertinencia e eficacia da nosa acción:
- Lanzando intervencións de urxencia sen ter que esperar á mobilización de actores políticos, doadores públicos ou medios de comunicación.
- Non aceptando fondos que estean en contradición coa misión social e o código ético de MSF (por exemplo, dos actores implicados nun conflito). Por esta razón, todo financiamento de gobernos ou institucións públicas, fundacións e empresas examínase caso por caso.
A captación de fondos para os proxectos baséase nas necesidades existentes e respectando o desexo dos doantes:
- Preparamos os nosos orzamentos segundo as necesidades concretas das poboacións directamente sobre o terreo. Non pedimos financiamento sen comprobar por nós mesmos cada situación.
- Respectamos escrupulosamente o desexo dos que deciden asignar unha doazón a unha intervención específica. Se por algunha razón non puidésemos respectalo, comprometémonos a solicitar autorización a cada doador para destinar os fondos a outros proxectos, como foi o caso do tsunami en 2004.
Transparencia, rendición de contas e ética do gasto como compromiso e como medio para mellorar o noso traballo:
- Temos a responsabilidade de render contas, non só da distribución dos fondos (misión social vs. gastos de estrutura) senón tamén do seu uso estratéxico, é dicir, onde, como e cando intervimos. Este exercicio constante de autoavaliación non só nos achega unha maior transparencia, senón a posibilidade de mellorar a pertinencia e a calidade de todo o que facemos.
- Contamos con políticas e sistemas que garanten a transparencia e a rendición de contas con todos os nosos interlocutores (beneficiarios, socios e colaboradores, financiadores institucionais públicos e privados, empresas etc.) e dentro da propia organización. As nosas contas e proxectos son auditados e avaliados por diferentes entidades nacionais e internacionais, internas e externas, e os resultados publícanse con regularidade.
- Para nós é prioritario destinar a maior parte de recursos financeiros á nosa misión social e non a gastos estruturais, aos que lles aplicamos estritos criterios de ética do gasto.
Para saberlo todo sobre nuestros proyectos y cómo nos financiamos.

Memoria MSF-E 2008


