Preguntas frecuentes

Preguntas frecuentes

Que é MSF?

MSF son as siglas coas que se coñece en todo o mundo a Médicos Sen Fronteiras. Unha organización médico-humanitaria de carácter internacional que, dende 1971, achega a súa axuda a poboacións en situación precaria e a vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados, sen ningunha discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política. A nosa presenza directa nas situacións de crise permítenos utilizar o testemuño como medio para provocar cambios en favor das devanditas poboacións. Máis información.

 

Como se financia MSF?

Os recursos económicos de MSF proceden de fondos privados e institucionais. Os primeiros representan o 88% dos ingresos, procedentes das achegas regulares de socios e colaboradores, doazóns puntuais, empresas e grandes doadores. O 12% restante provén de organismos diversos, como a Unión Europea, gobernos nacionais e autonómicos etc.
Máis información.

Font: Memoria internacional MSF 2009

Como se utilizan os fondos?

O 84% dos nosos ingresos destínase a gastos directos e de apoio a misións, e a actividades de testemuño e humanitarias. O 16% restante corresponde a gastos de captación de fondos, xestión xeral e administración. Máis información

Fonte: Memoria internacional MSF-E 2009

Cantos proxectos ten MSF?

MSF traballa en máis de 65 países dos cinco continentes, onde leva a cabo 362 proxectos de atención médica e humanitaria directa a vítimas de conflitos armados, catástrofes naturais, poboacións afectadas por enfermidades endémicas e epidémicas, vítimas de violencia social e persoas excluídas da atención sanitaria.
Mais información.
Fonte: Memoria internacional MSF 2009

Cantos socios e colaboradores ten MSF?

MSF conta co apoio de máis de 4,5 millóns de socios e colaboradores en todo o mundo, dos cales máis de 596.000 corresponden á sección española. Eles reflexan o apoio da sociedade civil e garanten a nosa independencia de acción.

Fonte: Memoria internacional MSF 2011 e Memoria MSF-E 2011

Como podo colaborar con MSF?

Actualmente contamos con máis de 487.000 socios e colaboradores en España que garanten a nosa independencia económica e de acción. Esta é a forma de colaboración máis estendida, a continuación propómosche algunhas máis:

Facerte socio de MSF, comprometéndote coa organización a través de achegas económicas regulares.

- Realizar un donativo puntual para axudar a financiar as nosas actividades.

- Colaborar como voluntario na sede, nas oficinas delegadas ou nos grupos de apoio de MSF da túa rexión.

Iniciativas solidarias: organizar actividades a beneficio da organización.

- Recibir información periódica a través do boletín electrónico.

- Participar nas nosas conferencias, exposicións e campañas.

- Comprar e regalar produtos MSF.

- Felicitar o Nadal con tarxetas MSF.

- Convenios de colaboración con empresas.

Herdanzas e legados.

- Traballar nas oficinas ou nos proxectos de MSF

Todas estas opcións están dispoñibles na nosa páxina web. Se o prefires, tamén podes chamar ao 902 250 902 ou acudir á túa oficina de MSF máis próxima.

Como sei que a axuda chega ao seu destino?

En MSF controlamos a cadea de distribución da axuda dende a súa orixe ata o seu destino final. Para iso dispoñemos de dúas centrais de compra e almacenaxe en Europa, e temos stocks de materiais noutras partes do mundo para darlles cobertura inmediata ás urxencias. Os envíos realízanse en transportes contratados directamente e supervisamos todo o proceso.

Dende o punto de vista financeiro, dispoñemos de mecanismos que garanten a transparencia da xestión dos recursos, tanto na sede coma nos proxectos. As contas da organización, así como as dos programas no terreo, son auditadas todos os anos e publicadas na nosa páxina web. Máis información.

Podo doar alimentos, roupa, medicamentos, etc?

En MSF non aceptamos doazóns materiais de particulares por problemas de custo e de almacenaxe, e porque algúns produtos poden ser incompatibles cos nosos programas. Para que a axuda sexa rápida e efectiva, comprámolo todo a través de dúas centrais de compras propias que, ademais de conseguir mellores prezos, teñen o material adaptado ás nosas necesidades, preparado para ser enviado con urxencia e chegar en boas condicións ao lugar de destino. Outros produtos necesarios, como materiais de construción, comida, combustible etc. cómpranse no terreo.

Podo apadriñar a un neno a través de MSF?

En MSF non facemos apadriñamentos. Os nosos proxectos van dirixidos a prestar asistencia médica e humanitaria a poboacións vulnerables e moitos deles inclúen programas de saúde materno-infantil, que garanten asistencia durante o embarazo, o parto e un posterior seguimento do neno. As principais actividades son: programa ampliado de inmunización (vacinas de tuberculose, difteria, tétanos, tose ferina, polio e sarampelo), seguimento e atención nutricional, e atención integrada de enfermidades como sarampelo, enfermidades diarreicas e respiratorias agudas, malaria e desnutrición.

MSF transmite os datos que recolle a outras asociacións ou empresas?

MSF non transmite a información que nos facilitan os socios e colaboradores a ningunha entidade ou empresa, e queda recollida no noso ficheiro informático personalizado e confidencial. Segundo a Lei orgánica de protección de datos (LOPD), os socios e colaboradores teñen dereito a acceder aos seus datos persoais e rectificalos ou cancelalos cando o desexen, solicitándoo por correo electrónico a: sas@msf.es ou chamando ao teléfono de atención ao socio: 902 303 065.

O traballo nos proxectos é remunerado?

MSF quere contar con profesionais, polo que retribúe os seus traballadores de varias formas (retribución monetaria e outros beneficios). Calquera traballador de MSF residente en España sae a terreo cun contrato laboral con todos os dereitos e deberes que isto supón. As condicións de saída (incluíndo a táboa salarial) serán un tema que se comentará coa persoa responsable da selección ao inicio do proceso de recrutamento.

Podo aproveitar as miñas vacacións para ir a un proxecto de MSF?

A gran maioría dos postos no terreo son de longa duración. De feito, un dos requisitos de entrada é ter unha dispoñibilidade de entre 6 e 12 meses. Só en casos moi específicos (urxencias, exploratorias) e en perfís moi concretos (p. ex. cirurxiáns, nutricionistas, anestesistas) permítense estanzas máis curtas. Por outro lado, a adaptación ao país, ao proxecto e ao traballo require dun período de aclimatación longo.


Boletín MSF

Suscríbete y recibe periódicamente nuestras últimas noticias.
Tu correo electrónico: