MSF son as siglas polas que se coñece en todo o mundo a Médicos Sen Fronteiras, unha organización médico-humanitaria internacional que asiste a poboacións en situación precaria, e a vítimas de catástrofes e de conflitos armados, sen discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política.
En marcha desde 1971
Redacción do semanario médico Tonus en París. MSF celebra a súa asemblea constituínte. A organización nace do inconformismo dun grupo de médicos e xornalistas descontentos co mutismo e a ineficacia da axuda internacional en Biafra (Nixeria) e Paquistán Oriental (actual Bangladesh). O seu espírito: conservar a esencia da acción médica independente en urxencias.
Asistencia e testemuño
A nosa presenza independente e imparcial nas situacións de crise permítenos darlle unha asistencia inmediata e temporal ás persoas máis necesitadas. Poñemos a acción sanitaria en primeiro lugar, pero tamén asumimos riscos, confrontamos o poder e usamos o testemuño como medio para provocar cambios en favor das poboacións.
Acción humanitaria independente
A maior parte dos nosos fondos proveñen das achegas de máis de 3,8 millóns de socios e colaboradores en todo o mundo, máis de 487.000 en España. Esta independencia financeira permítenos decidir onde e cando é necesario intervir, sen aceptar presións políticas, económicas ou relixiosas que condicionen a axuda.
A axuda chega ao seu destino
En MSF controlamos a cadea de distribución da axuda dende a súa orixe ata o seu destino final. Para iso dispoñemos de dúas centrais de compra e almacenaxe en Europa, e temos stocks noutras partes do mundo para darlle cobertura inmediata a urxencias.
Profesionais comprometidos
Contamos con máis de 2.000 traballadores internacionais no terreo, que colaboran con 20.400 profesionais contratados localmente. O seu compromiso coas poboacións ás que asistimos é a forza vital de MSF. A súa formación e desenvolvemento dentro da organización, unha das nosas prioridades.
Fonte: Memoria internacional MSF 2009.
Transparencia e rendición de contas
Xestionamos uns recursos que nos foron confiados. Por iso rendemos contas non só do uso dos fondos senón tamén dos nosos logros e fracasos, como un medio para mellorar o noso traballo. Tanto as contas coma os proxectos son auditados por entidades nacionais e internacionais e están a disposición do público.
Recoñecemento internacional.
O noso labor mereceu, entre outros, o Premio Príncipe de Asturias da Concordia 1991, o Premio Consello de Europa dos Dereitos Humanos 1992, a Medalla Nansen para os Refuxiados 1993, o Premio Roosevelt ás Catro Liberdades 1996, o Premio Indira Gandhi 1996, o Premio Conrad N.Hilton 1998, o Premio Nobel da Paz 1999, o Premio Zayed para a Saúde 2002 e o Premio Rei Hussein ao Liderado Humanitario 2004.
Fontes: Memoria MSF-E 2009 e Memoria internacional MSF 2009.

© François Leduc


© Juan Carlos Tomasi. Zambia (2006)

© MSF. Chad (2009)
