En marcha dende 1971
A principios dos setenta, coinciden en Francia dous grupos de médicos. Uns foran testemuñas do xenocidio dos ibo na guerra de Biafra (Nixeria, 1968), pero o mandato da súa organización impediulles denuncialo. Outros presenciaran a ineficacia da axuda ás vítimas das inundacións de 1970 en Paquistán Oriental (actual Bangladesh). Do inconformismo destes médicos, e dos xornalistas que recolleron as súas denuncias, nace Médicos Sen Fronteiras.
Asistencia directa aos máis esquecidos
MSF é hoxe unha das principais organizacións humanitarias independentes do mundo. Traballamos en preto de 70 países, e asistimos a persoas afectadas pola guerra, a violencia, o desprazamento, as enfermidades endémicas, epidémicas ou esquecidas, os desastres naturais ou a exclusión extrema da atención médica.
Testemuño
Prestar asistencia directa convértenos en testemuñas do sufrimento humano. Cremos que contar o que vemos tamén salva vidas. Por iso, a miúdo alzamos a voz para sinalar responsabilidades e provocar cambios en favor das persoas ás que asistimos.
Acción humanitaria independente
A nosa asistencia responde a necesidades reais e non a intereses políticos, económicos ou relixiosos. Só nós decidimos onde e como intervimos. Esta liberdade de acción baséase na nosa independencia financeira: o 90 % dos nosos fondos son de orixe privada*.
A axuda chega ao seu destino
Se somos capaces de responder ás emerxencias nun máximo de 72 horas, ao tempo que mantemos centos de proxectos regulares, é grazas á profesionalización da nosa loxística. Contamos con centrais de compra e almacenaxe en Europa, e con reservas de emerxencia situadas noutras rexións do mundo. Grazas a iso, controlamos a cadea de axuda dende a súa orixe ata o seu destino.
Profesionais comprometidos
Médicos, enfermeiros, loxistas, psicólogos, axentes de saúde, financeiros, administradores, técnicos de laboratorio, xornalistas... Somos persoas axudando a outras persoas: en total, máis de 2.700 traballadores internacionais desprazados in situ e 31.000 profesionais contratados localmente*.
Sen fronteiras
Médicos Sen Fronteiras é unha organización internacional e conta con 21 seccións, cinco das cales xestionan directamente proxectos in situ: Bélxica, España, Francia, Holanda e Suíza. As demais (Alemaña, Australia, Austria, Brasil, Canadá, Dinamarca, Estados Unidos, Grecia, Hong Kong, Italia, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Sudáfrica, Suecia e Xapón,) dan respaldo en captación de fondos, recrutamento de recursos humanos ou comunicación.
Recoñecemento internacional
En recoñecemento ao seu labor, MSF foi galardoada, entre outros, co Premio Príncipe de Asturias da Concordia (1991), o Premio Nobel da Paz (1999), o Premio Zayed para a Saúde (2002) e o Premio Rei Hussein ao Liderado Humanitario (2004).
Apoio da sociedade
MSF conta con 5,7 millóns de socios e colaboradores en todo o mundo, dos cales máis de 425.000 están en España. Grazas ás súas achegas e ao seu compromiso activo, podemos intervir de inmediato e con total independencia para asistir a quen máis o necesita.