2023 foi un ano implacable. Coa axuda de persoas coma ti e o compromiso dos nosos equipos, fixemos o imposible para responder ás múltiples emerxencias médico-humanitarias que se ían estendendo como focos dun incendio descontrolado.

Nesta Memoria 2023, mostrámosche o froito deste esforzo conxunto e o impacto que tivo na vida das persoas ás que atendemos. Grazas por persistir e crer no noso traballo. A túa colaboración é moito máis ca un simple gran de area.

Ao longo de 2023, fomos testemuñas do desprezo cara á vida civil por parte de exércitos e grupos armados, e vimos como o dereito internacional humanitario era pisado unha e outra vez. Esta tendencia tan preocupante non só incrementou exponencialmente as necesidades das persoas, senón que tamén engadiu considerables dificultades para que puidésemos prestar asistencia médicohumanitaria.

Foi esgotador e moi frustrante, pero non nos deixamos influír polo desánimo porque cada vez hai máis persoas que necesitan axuda e cada vez son menos os actores que están en posición de prestala.

Ideales que curan

 

Grazas en todos os idiomas imaxinables

Nun mundo á deriva, ser testemuñas tamén de como centos de miles de persoas se unen a través da nosa organización co simple obxectivo de facilitar axuda ás poboacións máis castigadas é admirable. Independentemente das nosas diferenzas culturais, relixiosas ou políticas, conéctanos un sentimento colectivo de impotencia e de indignación que, lonxe de bloquearnos, lévanos á acción. Mentres quen teñen a solución dubidan ou miran cara a outro lado, a única maneira de aliviar o sufrimento da xente é a acción directa. MSF non podemos esperar a facelo cando se asinen os altos ao fogo, se cumpran as resolucións ou se restableza os sistemas de saúde.

Pode haber quen se pregunte: «De que serve todo isto? Se cada vez estamos peor, se xa non hai solución». Nós sabemos que serve de moito: arrincamos miles de sorrisos no medio do desastre, todos os días regálannos palabras de agradecemento en todos os idiomas imaxinables e apértannos a man con moito cariño.

Os nosos equipos nos proxectos teñen o gran privilexio de levar os agradecementos das comunidades e pacientes, pero non che quepa dúbida de que é grazas, shukran, asante, thanks, merci ou mutshakaram é para ti tamén.