Somos unha organización independente: avaliamos libremente as necesidades das poboacións en crise e decidimos tamén libremente que asistencia lles proporcionamos, sen estar condicionados polos intereses políticos, económicos ou relixiosos dos países doantes de fondos ou doutros grandes financiadores. Para iso, precisamos independencia financeira, e por iso, a meirande parte dos nosos fondos son privados: en 2022, procedían de máis desete millóns de persoas e entidades privadas que son socias ou colaboradoras de MSF en todo o mundo, das cales máis de 617.000 en España. En 2022, o 97,3% dos nosos ingresos mundiais eran de orixe privada e o resto correspondía a organismos públicos, como as axencias de axuda humanitaria dalgúns Gobernos.
Non temos ánimo de lucro: non xeramos beneficios para nós mesmos, e destinamos os fondos recibidos á nosa misión social –acción médica e testemuño– e ás tarefas de administración e captación de recursos necesarias para cumprila.
A nosa sólida estrutura financeira permítenos lanzar intervencións de emerxencia sen ter que agardar á mobilización dos países doantes ou da sociedade, algo que pode non chegar a darse no caso de crises esquecidas. Para iso creamos, hai uns anos, o Fondo de Emerxencias de MSF. Ademais, non aceptamos fondos que estean en contradición coa nosa misión social e o noso código ético (por exemplo, dos Gobernos implicados nun determinado conflito). Por esta razón, todo financiamento público examínase caso por caso, así como o de fundacións e empresas que poidan ter intereses nun determinado contexto.
Baseamos a captación de fondos nas necesidades que vaiamos cubrir, segundo as nosas propias avaliacións directas. Ademais, respectamos escrupulosamente o desexo dos e das doantes que deciden asignar a súa achega a un proxecto ou emerxencia específicos; e se por algunha razón non puidésemos respectalo, comprometémonos a pedir autorización a cada doante para destinar eses fondos a outros proxectos. Así ocorreu tralo tsunami de 2004: o desastre mobilizou á sociedade mundial e MSF recibiu máis fondos dos que ía ser capaz de gastar como organización de emerxencias, polo que suspendeu a recadación e deu a opción ós e ás doantes de volver asignar as súas achegas a outras crises ou recuperalas se así o desexaban.
As nosas finanzas están sometidas a estritas supervisións internas e externas: as nosas contas son auditadas e avaliadas por diferentes entidades nacionais e internacionais, e os nosos informes son públicos: somos moi estritos coa ética do gasto e rendemos contas de forma detallada. Este exercicio constante de avaliación, ademais de construír a nosa transparencia, permítenos mellorar a pertinencia e calidade de todo o que facemos.
A nosa información financeira está dispoñible nas Memorias anuais de MSF España e Internacional. E máis abaixo podes acceder directamente ós nosos balances.
Máis de sete millóns de persoas e entidades privadas apóiannos como socias ou colaboradoras en todo o mundo: fan posible o noso traballo e garanten a nosa independencia.
Balances financeiros
A continuación, podes coñecer en detalle os balances financeiros de MSF España e de MSF Internacional.