Preguntas máis frecuentes

Traballar en MSF

Podo colaborar con MSF durante un curto período de tempo ou aproveitando as vacacións de verán?

A maior parte das vacantes nos nosos proxectos son de máis de seis meses de duración: por iso requirimos unha dispoñibilidade mínima de 12 meses para poder iniciar o proceso de selección. Só se aceptan estancias curtas no caso de perfís concretos (especialidades de cirurxía, xinecoloxía e anestesia).

Antes de finalizar a miña formación ou como parte das miñas prácticas podería colaborar con MSF?

Un dos requisitos imprescindibles para traballar con MSF é ter rematado a formación de acordo ó perfil solicitado. Ademais, débese contar con polo menos dous anos de experiencia laboral no ámbito no que se queira traballar. MSF non contempla a posibilidade de realizar prácticas profesionais nos países onde traballamos.

Canto tempo dura o proceso de selección? Canto tempo pode transcorrer até que se me asigne un proxecto?

O proceso de selección non ten un tempo de duración determinado: adoita ser de entre tres e seis meses, dependendo da dispoñibilidade de vacantes nos países onde traballamos. e do perfil da persoa. Trátase dun proceso minucioso durante o cal buscamos o posto máis adecuado para cada persoa seleccionada, e proporcionámoslle información pertinente sobre a organización.

Levamos a cabo unha selección continua de persoas que viaxarán ós proxectos, aínda que a asignación do primeiro destino vén determinada polas necesidades opercionais. Unha vez que a persoa supere o proceso de selección, e se as circunstancias así o permiten, terá que pasar por un período de iniciación e formación de varios días antes de incorporarse a un proxecto.

Podo elixir o destino do meu primeiro proxecto?

MSF asignará o destino do primeiro proxecto. Debes ter presente que MSF busca compromiso coa axuda médica e humanitaria, independentemente do contexto no que esta se leve a cabo. Nesta liña, a flexibilidade e capacidade de adaptación son competencias esenciais para calquera perfil en MSF.

A organización, como empregadora responsable, fornece ó persoal internacional coa información necesaria para que cada persoa poida dar un consentimento informado á súa saída ó proxecto. É fundamental que, durante o proceso de selección, a persoa se informe correctamente sobre os contextos de actuación de MSF e as condicións de saída. Con todo, se no momento de asignarlle un proxecto, ten serias dúbidas sobre o destino ó que terá que desprazarse (alta percepción de inseguridade), debe comunicalo á organización para estudar posibles alternativas.

Podo traballar no meu propio país como persoal internacional?

Raramente o persoal de MSF con status laboral internacional pode traballar no seu propio país. A definición de internacionalidade implica saír do propio país de orixe, no caso de MSF para desenvolver un labor de atención médica e humanitario no ámbito internacional.

Pode acompañarme a miña familia?

As condicións de vida e de traballo con MSF son a miúdo incompatibles coa presenza de persoas que non participan nos proxectos. Raramente se da a presenza de familias nos proxectos e en todo caso depende sobre todo das condicións de seguridade nos mesmos. Cada caso é estudado por separado. Con todo, nunca unha persoa que sae por primeira vez con MSF poderá ir acompañada de familiares.

Podo viaxar ó no meu primeiro proxecto acompañado/a da miña parella ou cunha persoa ó meu cargo?

Exceptuando os postos de coordinación, o resto de persoal internacional de MSF non pode viaxar ós proxectos con parella, polo menos durante os seus primeiros 12 meses de traballo na organización. Unha vez concluído ese período, e no caso de parellas nas que ambas as dúas persoas estean traballando en MSF, poderán solicitar unha misión conxunta.

As colaboracións profesionais con MSF son retribuídas ou voluntarias?

As condicións salariais non son a principal motivación das persoas que traballan en MSF, aínda que a organización entende que se deben cubrir uns mínimos. Neste sentido, contamos cunha escala salarial estruturada en tres únicas categorías de postos (xerais, coordinacións e coordinación de proxecto). Á súa vez, en cada unha destas categorías, establécense até 14 niveis salariais en función dos anos de experiencia. Durante o primeiro ano, todas as persoas contarán cun salario inicial axustado (de aproximadamente 1.300 € brutos ó mes); a partir deste período, computarase a experiencia profesional previa e debidamente certificada.

Que posibilidades de desenvolvemento da miña carreira profesional ofrece MSF?

A asistencia humanitaria demanda profesionais con experiencia e un alto nivel de competencias técnicas e persoais. Neste sentido, MSF pode ofrecer oportunidades de crecemento ás persoas que estean dispostas a comprometerse coa organización. Por iso, apostamos polo desenvolvemento da carreira profesional a través dun sistema de promoción, formación técnica de ámbito internacional, axuda económica para acceder a formacións externas, posibilidade de contratos de longa duración e plans de apoio.

MSF conta cunha política de formación?

Contamos cunha política de formación dirixida ás persoas que colaboran de forma continuada e asumen un compromiso duradeiro con MSF. Ademais dos cursos nacionais e internacionais que organizamos, ofrecemos a posibilidade de acceder a axudas económicas para realizar outras formacións externas. A capacitación do equipo humano é unha das nosas prioridades.

É realmente importante o meu nivel de idiomas para traballar en MSF?

É obrigatorio posuír un nivel alto de inglés e/ou francés, é desexable un nivel alto árabe e/ou portugués e valoramos positivamente o coñecemento de dous deles como mínimo. Ao ser unha organización internacional, os nosos equipos están integrados por persoas de orixes diversas que adoptan como idioma común de traballo o máis falado no país no que desenvolven o seu labor. Á vez, o coñecemento de varios idiomas é un importante valor engadido á hora de asignar un proxecto e para poder desenvolverte dentro da organización e en contextos diversos.

Existe un límite de idade para traballar nun proxecto?

Non, pero debes ter en conta as condicións de vida e de traballo nos países nos que operamos. A maioría das persoas que traballan con MSF por primeira vez teñen entre 25 e 40 anos.