Cada ano, persoas de todo o mundo únense ao equipo de Médicos Sen Fronteiras para participar en proxectos humanitarios xunto a máis de 55.000 traballadoras e traballadores contratados nos países onde temos operacións.

A nosa organización conta cunha sólida rede de profesionais que, cun gran compromiso, desempeñan un papel crucial na prestación de asistencia médica que salva vidas.

Se queres marcar a diferenza nas vidas de quen máis o precisan, convidámoste a explorar as oportunidades para traballar nun ambiente diverso e multicultural.

Únete ó noso equipo internacional e sé parte do cambio.

Requisitos esenciais

 Para traballar nos proxectos, debes cumprir os seguintes requisitos:

 

 

  • Nivel suficiente de inglés e/ou francés

    Os coñecementos lingüísticos requiridos dependerán do posto ó que se postule.

  • Experiencia profesional mínima de dous anos

    Buscamos persoas cualificadas con experiencia profesional no ámbito no que vaian traballar.

  • Compromiso dun ano

    Este tempo repartirase en dous bloques de seis meses, cunha pausa entre eles. Só se aceptarán perfís específicos ((cirurxía, xinecoloxía e anestesia) para proxectos de curta duración de entre tres e seis meses.

O que debes saber antes de realizar a túa solicitude

É importante que revises os seguintes puntos antes de enviarnos a túa solicitude:

Como é o proceso de selección?

  1. Rexistro no sitio web
  2. Selección de CV e cartas de presentación
  3. Primeira entrevista
  4. Validación técnica
  5. Verificación de referencias
  6. Segunda e última entrevista
  7. Feedback

O proceso de selección non ten un período de tempo definido. Normalmente, tárdase entre tres e seis meses en completar todos os pasos desde o rexistro inicial na páxina web, dependendo da dispoñibilidade de vacantes e do perfil do candidato.
 

Seguridade e protección

Debido a que o noso propósito é brindar asistencia médica a persoas en perigo, o traballo pode realizarse en zonas de conflito activo ou en zonas posteriores a un conflito, nas que existen riscos inherentes, perigos potenciais e ameazas constantes para a seguridade e a protección. MSF recoñecemos que é imposible excluír todos os riscos, pero facemos todo o posible como organización para mitigar e xestionar estes riscos a través de protocolos de seguridade estritos e exhaustivos.

Informarase amplamente ó persoal dos riscos asociados antes de aceptar un posto concreto. Traballar para MSF é unha elección profundamente persoal e as persoas deben determinar por si mesmas o nivel de risco e as circunstancias nas que se senten cómodas, baseándose nunha comprensión completa e transparente das posibles situacións ás que se poden enfrontar. Unha vez que se comece a traballar no proxecto, todo o persoal de MSF debe observar estritamente todas as normas e regulamentos de seguridade. O incumprimento pode supoñer o despedimento.

 

Salarios e beneficios

  • Contrato legal durante o período de duración do proxecto.
  • MSF proporcionamos a todos os membros do persoal nos proxectos un seguro privado que cobre medicamentos e hospitalización, discapacidade, así como calquera tipo de evacuación médica. 
  • A remuneración en MSF é modesta por elección. O salario base é duns 1.300 € brutos mensuais durante os primeiros proxectos e para postos de menor responsabilidade. O salario revísase periodicamente en función do tempo de permanencia na organización e a experiencia adquirida.
  • O persoal móbil internacional recibirá unha cantidade adicional de diñeiro como viáticos durante a estadía para cubrir os gastos básicos diarios.
     

Duración do proxecto

A meirande parte das vacantes nos nosos proxectos teñen unha duración de seis a nove meses. Por iso requirimos unha dispoñibilidade mínima de 12 meses para iniciar o proceso de selección. . Só se aceptarán perfís específicos (cirurxía, xinecoloxía e anestesia) para proxectos de curta duración de entre tres e seis meses.

Ten en conta que as condicións de vida e de traballo do persoal de MSF adoitan ser inadecuadas para as persoas que non participan nos proxectos. No seu primeiro proxecto con MSF, o persoal nunca pode estar acompañado pola súa familia.
 

Desenvolvemento de persoas e formación

MSF determinamos o destino dos primeiros proxectos tendo en conta as necesidades nos países onde traballamos e a experiencia profesional do persoal no grupo. As necesidades operativas son sempre a prioridade. 

MSF promovemos odesenvolvemento profesional do noso persoal a través dunha ampla gama de cursos de formación e outras ferramentas como o coaching e o asesoramento. Todo o persoal deberá realizar o curso de preparación antes de comezar a traballar connosco.

 

Alerta de fraude:
MSF NUNCA pide ós seus candidatos e candidatas ningún tipo de participación financeira para iniciar un proceso de selección. Se é obxecto deste tipo de solicitude, non responda e notifíqueo por correo electrónico ó seguinte enderezo: oficina@barcelona.msf.org