Creamos o Fondo de Emerxencias conscientes de que non tódalas crises xeran a mesma atención ca unha guerra coma a de Ucraína. Moitas non chegan nunca ós medios e mobilizan menos doazóns malia o crítico das necesidades. Se falamos só de conflitos e guerras, na actualidade hai uns 30 abertos no mundo, e traballamos na meirande parte deles. Debemos reaccionar rápido e non podemos agardar a que cheguen as doazóns, porque as persoas que necesitan axuda urxente non poden esperar.
Nunha situación de emerxencia, as primeiras horas son clave. A partir do momento no que a crise se desencadea, cada minuto conta. O Fondo de Emerxencias ten un papel crucial na rapidez da nosa intervención: permite que o equipo humano da Unidade de Emerxencias estea sempre preparado para desprazarse ó escenario da crise en cuestión de horas e que o material, organizado en kits especializados, estea listo para o seu envío inmediato.
Este fondo económico permítenos actuar de forma independente e dános flexibilidade para axustar o noso traballo ás necesidades, así como para dirixir ós nosos equipos alí onde estas últimas sexan maiores. Por iso, cando estala unha crise, animámosvos a doar ó Fondo de Emerxencias e non a esa crise concreta. Así, as nosas intervencións poderán responder as necesidades máis graves en cada momento e lugar.
Cando unha guerra, a violencia ou un terremoto golpean a algunha poboación nalgún lugar do mundo, Médicos Sen Fronteiras estamos a miúdo entre as primeiras organizacións que chegan ó lugar do desastre para proporcionar axuda vital. Non poderiamos facelo sen o teu compromiso e a túa confianza.
-
© Luca Sola
Emerxencias
Unha emerxencia é un cambio brusco do estado dunha poboación que supera a capacidade de resposta local, co risco dun incremento da mortalidade. As emerxencias poden provocar miles de vítimas en poucas horas e son impredicibles, polo que hai que estar preparado para calquera cambio brusco. Estas situacións precisan dunha actuación inmediata e profesional, non improvisada.
Non tódalas emerxencias teñen a mesma cobertura nos medios de comunicación. Por iso, é importante contar cunha reserva que permita dar resposta a estes cambios bruscos que provocan miles de vítimas en moi pouco tempo.
O Fondo de Emerxencias dá soporte ó equipo humano da Unidade de Emerxencias, que está preparado para desprazarse ó lugar da emerxencia en 24 horas.
Do mesmo xeito, a través deste fondo fináncianse as reservas de material estandarizado listo para ser transportado ó lugar onde sexa necesario. Trátase de material adaptado para cada tipo de intervención, organizado en kits especializados: kits básicos, kits cirúrxicos, kits médicos, kits de cólera, kits de cloración e control de auga, kits de abrigo etc.
-
© Frederic NOY/COSMOS