Un terremoto é unha forte sacudida da codia terrestre, ocasionada por unha brusca liberación de enerxía no seu interior. Este proceso relaciónase coa colisión, separación ou desprazamento lateral das placas tectónicas, que están en constante movemento; esta fricción xera acumulacións de enerxía que, ó liberarse repentinamente, xeran ondas expansivas de gran violencia. Os terremotos tamén poden deberse a erupcións volcánicas ou mesmo a probas nucleares subterráneas. Cando o sismo se produce na codia oceánica, denomínase maremoto.
O hipocentro é o punto do interior da Terra onde se produce a liberación de enerxía; directamente sobre o hipocentro, na superficie, atópase o epicentro: é a zona onde o sismo golpea con maior virulencia.
Alén da perda de vidas humanas, un sismo pode provocar fendas no terreo e corrementos de terra, asolagamentos, danos en edificios e infraestruturas de servizos (que poden causar desabastecemento de auga potable e comida, e colapso das comunicacións) e, en zonas urbanas, incendios debido á ruptura das canalizacións de gas.
No apartado Desastres naturais contámosche como respondemos a estas emerxencias e cales son as nosas prioridades médicas e loxísticas.