Os artigos de primeira necesidadenon son elementos de confort: aseguran a supervivencia e o benestar psicolóxico das persoas que o perden todo por culpa dun desastre natural ou dunha guerra ou cando se ven obrigadas a desprazarse, ou cando sinxelamente a súa contorna se deteriorou ata tal punto que a súa saúde e a súa vida están ameazadas.
O obxectivo concreto destas distribucións é asegurar que as persoas superviventes dun desastre teñen suficientes medios de acubillo e abrigo, artigos de hixiene persoal e utensilios cos que cociñar e quentarse como para preservar a súa saúde, seguridade e dignidade.
Que son?
Os artigos máis comúns permiten en primeiro lugar asegurar condicións mínimas de acubillo, calefacción e iluminación: tendas de campaña ou lonas de plástico e cordas para construílas, ferramentas e produtos de limpeza, estufas e combustible, lámpadas de aceite etc. As condicións de descanso tamén teñen que estar garantidas, mediante colchóns, mantas, sabas e mosquiteiros. Ademais, son indispensables os utensilios de cociña: pratos, vasos, coitelos e culleres de cociñar, cuncas, tarteiras, tixolas etc. Tamén son esenciais para a saúde os artigos de hixiene persoal: xabón, xampú, cepillo e pasta de dentes, toallas, cueiros lavables, compresas, deterxente... Co gallo de facilitar as distribucións, organizamos estes artigos en kits.
Por exemplo, as 20.000 familias (unhas 100.000 persoas) afectadas por unhas inundacións poderían precisar 20.000 lonas de plástico e outros tantos bidóns para auga e kits de hixiene, así como 40.000 mosquiteiros e polo menos 40.000 mantas.
Cando as realizamos?
Somos unha organización de acción médica, polo que, sempre que sexa posible, non asumimos estas actividades, para poder concentrarnos no traballo puramente sanitario. Mais se non hai outras organizacións presentes na zona ou as que hai non teñen capacidade, lanzamos distribucións de emerxencia á vez que tentamos conseguir, mediante accións de incidencia política, que outras organizacións ou axencias internacionais tomen a remuda. Polo tanto, sempre estamos preparados para facelo, aínda que non sempre teñamos que intervir.
En caso de facelo, en situacións de emerxencia, cando a poboación está sometida ás inclemencias e non hai outras organizacións, cubrimos as necesidades vitais urxentes cunha intervención directa; en postemerxencia, cando a situación da poboación é grave pero xa hai outras organizacións presentes, cubrimos aquelas necesidades básicas que aínda no estean cubertas; e en proxectos regulares, podemos realizar distribucións para reducir a mortalidade e morbilidade (enfermidades epidémicas, ou transmitidas pola auga, infeccións respiratorias etc.) e para garantir a dignidade, seguridade e benestar das persoas afectadas.
A quen distribuímos estes artigos?
Realizamos estas distribucións de forma sistemática cando o evento foi repentino e de gran amplitude: pode ser un terremoto, un furacán ou un desprazamento de poboación. Tamén facemos distribucións masivas cando urxenmedidas preventivas para frear o impacto do evento: ese sería o caso dun gromo de malaria. Pola contra, as distribucións serán só a grupos determinados de poboación en caso de eventos progresivos ou de amplitude reducida, como unhas inundacións menores ou un fluxo controlado de poboación desprazada.
Como o facemos?
Os puntos de distribución teñen que estar o máis preto posible das persoas afectadas: se estas están concentradas nun só lugar, cun punto de distribución podería ser suficiente, mais se están dispersas, teremos que habilitar varios. Normalmente créanse circuítos sinxelos mediante mallas de delimitación e unha entrada e saída únicas, para acelerar a recollida e asegurar que todo o mundo recibe os artigos que precisa. Estas campañas deben anunciarse por todos os medios: mediante megafonía nos barrios, carteis ou anuncios na radio, informamos de cando e onde terá lugar a distribución, que persoas poden beneficiarse, que artigos recibirán e que serán de balde.
En 2022, os noso equipos distribuíron 474.100 kits de artigos de primeira necesidade a outras tantas familias, entre outras, a vítimas da guerra e a violencia e a poboacións refuxiadas, desprazadas ou migrantes por todo o mundo.
Chegar ata onde outros non chegan.
Cando se producen desastres naturais de gran magnitude, a axuda internacional tende a concentrarse nas zonas de fácil acceso, xa que chegar ás áreas remotas ou incomunicadas require unha capacidade loxística que non todas as organizacións de axuda teñen. Nestes casos, facemos todo o posible por chegar a estas áreas, onde moi probablemente tamén haberá persoas que precisen axuda e que non a están recibindo.