O Chagas (ou tripanosomíase humana americana) é unha enfermidade esquecida causada polo parasito Trypanosoma cruzi; segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), afecta a entre 6 e 7 millóns de persoas e é endémica en 21 países de América Latina, onde uns 70 millóns de persoas viven en áreas de risco. Porén, co aumento das migracións e as viaxes internacionais, tamén se están declarando casos nos Estados Unidos de América, Europa, Australia e Xapón. Malia que nos derradeiros 30 anos se conseguiu avanzar moito grazas ó control vectorial nos países endémicos, existe unha gran fenda na dispoñibilidade e acceso á diagnose e ó tratamento; de facto, pénsase que máis do 70% das persoas infectadas descoñecen o seu estado e por suposto tampouco recibiron tratamento.
Como se transmite?
O mal de Chagas é unha enfermidade asociada á extrema pobreza. O vector que transmite o T.cruzi é un insecto coñecido como triatomino, ou denominado popularmente como vinchuca, chincha picuda ou barbeiro segundo a zona xeográfica. Este insecto vive nas crebas de paredes e teitos das vivendas construídas con ladrillos de adobe, ramas ou palla, é dicir as vivendas máis precarias
Nos países endémicos, a vía de transmisión clásica é a vectorial: o parasito pasa á persoa a través das feces do insecto depositadas na pel ou na mucosa. Existen outras vías de transmisión non vectoriais, como a transmisión maternoinfantil durante o embarazo, as transfusións de sangue, o transplante de órganos e a inxesta de alimentos contaminados. Non se transmite por contacto directo con persoas infectadas.
Para impulsar o control vectorial, en Bolivia, lanzamos en 2016 un proxecto piloto baseado na tecnoloxía móbil e de xeolocalización (GPS) que facilita a recompilación de datos grazas a algo tan sinxelo como os SMS; o eMOCHA permite, mediante o envío dunha mensaxe, informar da presenza da vinchuca, a chincha transmisora da enfermidade. Este servizo traspasouse ó Programa Nacional de Chagas.
Que síntomas ten?
A enfermidade evoluciona en dúas fases –a aguda e a crónica– e cada unha delas ten características clínicas e criterios de diagnose e terapéuticos diferentes. Xeralmente, na fase aguda, a enfermidade é asintomática. Con todo, preto do 30% de quen se infecta desenvolveproblemas crónicos cardíacos que acurtan a esperanza de vida unha media de 10 anos e poden causar a morte. Máis do 80% dos falecementos causados polo Chagas relaciónanse con complicacións cardíacas, como a insuficiencia cardíaca, as arritmias e os tromboembolismos.
Como se diagnostica?
Na fase aguda, nos primeiros 30 a 90 días da infección, caracterízase pola elevada presenza de parasitos no sangue e por tanto pode diagnosticarse con métodos parasitolóxicos directos (que permiten visualizar directamente o parasito).
Na fase crónica, a OMS recomenda a diagnose mediante dúas probas convencionais de laboratorio e unha terceira análise en caso de discordancia. Isto implica contar cun laboratorio preparado e persoal capacitado, o que supón unha barreira nos países onde estes recursos tecnolóxicos e profesionais son escasos. Para as persoas doentes, tradúcese nunha espera de semanas para coñecer o resultado das probas logo dunha extracción de sangue.
Nos seus programas, MSF utilizaba unha proba de diagnose rápida para a detección de casos, aínda que seguía sendo precisa a confirmación en laboratorio. Un recente estudo demostrou que varias das probas de diagnose rápida existentes no mercado son altamente fiables: esta nova marca un punto de inflexión na loita contra o Chagas, xa que permitirá acelerar a diagnose e polo tanto poñer a tratamento a máis persoas.
Como se trata?
Só existen dous medicamentos específicos para tratar o Chagas: o benzonidazol e o nifurtimox, desenvolvidos hai máis de 40 anos. A taxa de curación é de case o 100% na fase aguda, mais vai diminuíndo a medida que pasa o tempo entre a infección e o inicio do tratamento. No entanto, os estudos demostraron queé posible tratar con bos resultados nas primeiras etapas da fase crónica, mesmo cando o corazón ou o aparello dixestivo xa están levemente afectados.
En todo caso, estes tratamentos teñen efectos adversos, leves case sempre, e máis frecuentes canto maior é a persoa doente; por iso é polo que o persoal médico tradicionalmente se amosaban reticentes a tratar a persoas adultas. Esta situación comezou a mudar nos derradeiros anos, ó comprobar que, na maioría dos casos, os efectos secundarios poden tratarse dentro da atención primaria de saúde.
MSF e o Chagas
O noso traballo articulouse ó redor da prevención, a diagnose, o tratamento e a incidencia política. Os nosos programas confirmaron que o Chagas pode diagnosticarse e tratarse incluso en contextos de poucos recursos e en zonas rurais, e que debe integrarse dentro da atención primaria de saúde para ampliar a cobertura e que máis persoas poidan ser diagnosticadas e tratadas. Urxe tamén garantir a produción de benzonidazol e a súa dispoñibilidade nos centros de saúde, así como desenvolver novas probas de diagnose, mellores medicamentos e unha proba de curación temperá.
Desde 1999, ofrecemos diagnose e tratamento de balde do Chagas en Honduras, Nicaragua, Guatemala, Colombia, Bolivia, Paraguai e máis recentemente en Italia e México. Ata 2016, os nosos equipos, traballando en colaboración cos Ministerios de Saúde destes países, facilitaron a máis de 122.300 persoas o acceso ás probas de diagnose; confirmamos a infección en 12.100 e 8.650 de finalizaron o tratamento con éxito.
En 2016, co peche das nosas actividades en Bolivia, finalizou o último dos nosos programas exclusivamente dedicados ó Chagas; a partir de agora, a atención médica a estas persoas integrarase nos nosos proxectos regulares en áreas endémicas. Adicionalmente, seguimos participando nas plataformas e grupos de traballo sobre o Chagas, compartindo as leccións que aprendemos e os datos recollidos nestes 17 anos. Tamén seguimos colaborando na investigación sobre o test de diagnose rápida que varios centros especializados realiza baixo a coordinación da OMS.
Unha enfermidade esquecida
“É unha enfermidade esquecida porque resume o ciclo do esquecemento. Comeza no paciente cando consulta ó especialista en medicina, e cando o facultativo non ten esta enfermidade en consideración e non a diagnostica. Ó non haber diagnose, non se pide o tratamento ós Gobernos, os Gobernos non piden tratamento ás farmacéuticas, ó non haber demanda tampouco hai investigación de novas fórmulas ou novos medicamentos máis eficaces. E así é como se perpetúan o esquecemento e a desatención”.
Carina Perotti, coordinadora médica de MSF en México (2014).