A diarrea adoita ser un síntoma dunha infección do tracto dixestivo, causada por bacterias, virus ou parasitos; noutras ocasións, aparece simplemente por problemas dixestivos ou por unha absorción incompleta ou defectuosa dos nutrientes do contido intestinal. As persoas desnutridas ou inmunodeprimidas son as máis vulnerables, e en especial as nenas e nenos máis pequenos. De feito, as enfermidades diarreicas son a segunda causa de morte en menores de 5 anos: segundo a Organización Mundial de Saúde, preto duns 525.000 de nenos e nenas morren debido a esta doenza nesa franxa de idade cada ano.
Que é a diarrea aguda?
A diarrea aguda defínese como a emisión de polo menos tres dexeccións líquidas ó día durante menos de dúas semanas. O organismo perde entón a auga e os sales precisos para a supervivencia; por iso, a maior parte das mortes por enfermidade diarreica débense á perda de auga, sales e minerais. Clinicamente, distínguense dous tipos: a diarrea simple sen sangue e a diarrea con sangue.
A diarrea simple, sen sangue, é de orixe vírica nun 60% dos casos (rotavirus ou enterovirus); tamén pode ser bacteriana (por exemplo, a Vibrio cholerae, causante do cólera) ou parasitaria (como a xiardíase). Outras patoloxías como o paludismo, a otite media aguda ou as infeccións respiratorias (como a pneumonía) poden ir acompañadas deste tipo de diarrea. Así mesmo, os nenos e nenas con desnutrición severa adoitan ter diarrea non infecciosa debido á mala absorción de nutrientes.
A diarrea con sangue ou disentería tamén pode ser de orixe bacteriana (no 50% dos casos é shigelose) ou parasitaria (como a amebíase intestinal).
Como se transmite?
A transmisión das diarreas de orixe infecciosa pode ser directa (dunha persoa a outra como resultado dunha hixiene deficiente) ou indirecta (por inxestión de auga, alimentos contaminados ou transmisión aérea). Estas enfermidades poden espallarse moi rapidamente e por iso é tan importante a súa prevención coma o seu tratamento.
Como se diagnostica?
Ademais da frecuencia de dexeccións líquidas, a diarrea pode identificarse grazas ós signos de deshidratación (segundo a gravidade, ollos afundidos, inxesta de auga con avidez ou incapacidade de inxesta de auga, perda de elasticidade da pel, estado de ánimo irritable ou letargo, falta de diurese, estado de choque hipovolémico etc.) Despois, búscase a presenza doutros signos que poden indicar o tipo de enfermidade: diarrea acuosa (cólera, Escherichia coli), vómitos abundantes (cólera), febre (salmonelose, diarrea viral), presenza de sangue vermello nas feces (shigelose ou amebíase) etc.
Como se trata?
A consecuencia máis grave das enfermidades diarreicas é a deshidratación, polo que o tratamento combate en primeiro lugar a perda de auga e electrólitos (sodio, cloruro, potasio e bicarbonato), mediante rehidratación ben cunha solución de sales de rehidratación oral (SRO, que constan de auga, electrólitos e azucre), ben conperfusión intravenosa. Administrar un suplemento de zinc pode reducir os episodios de diarrea; isto é crucial no caso das nenas e nenos máis pequenos. Tamén ten que previrse a desnutrición mediante alimentos ricos en nutrientes. E segundo os casos, adminístranse antibióticos ou antiparasitarios ou trátanse as causas subxacentes da diarrea (por exemplo a malaria ou a pneumonía).
Como se prevén?
Unha parte importante destas enfermidades pódense previr mellorando o acceso á auga potable e a servizos axeitados de saneamento (por exemplo, latrinas) e promocionando a hixiene tanto para o lavado persoal como na preparación de alimentos. A nutrición adecuada é tamén unha forma de prevención.
Existe ademais unha vacina contra o rotavirus, que provoca a gran maioría de diarreas simples e preto de 450.000 mortes infantís todos os anos. Mediante a vacinación, as infeccións por rotavirus poden reducirse nun 74%, e con todo a cobertura mundial de inmunización é de só o 19% Unha das principais causas é o elevado prezo da vacina, nun mercado sen apenas competencia: só a fabrican dúas farmacéuticas, GSK e Merck
MSF e as enfermidades diarreicas.
Nos proxectos regulares, os nosos equipos tópanse a miúdo con casos de diarrea, en especial en nenos e nenas. A frecuencia pode dispararse en situacións de emerxencia, como pode ser entre poboación desprazadas en asentamentos onde as medidas mínimas de saneamento, hixiene e auga potable non están garantidas; isto, sumado á masificación na que viven as familias, pode propagar rapidamente un gromo. Os nosos equipos proporcionan tratamento médico, ademais de encargarse das medidas de prevención cando é preciso: potabilización de fontes de auga ou distribución de auga potable, construción de latrinas ou actividades de promoción da hixiene.