O ébola é unha enfermidade potencialmente letal provocada polo virus do mesmo nome e é unha das máis mortíferas que se coñecen para o ser humano. Ata 2014, os gromos adoitaban ser limitados –tanto xeograficamente, afectando sobre todo a áreas remotas do ecuador africano, como no número de persoas afectadas–, pero ese ano varios países de África occidental sufriron unha epidemia sen precedentes que chegou ás principais cidades, cruzou fronteiras e se saldou con case 30.000 infeccións e máis de 11.000 mortes.

Foi identificado por primeira vez en 1976, por mor de gromos simultáneos nos pobos de Nzara (Sudán) e Yambuku (Zaire, actual República Democrática do Congo); de feito, o virus toma o seu nome dun río próximo a Yambuku. Desde entón rexistráronsepreto de 30 gromos ou epidemias, maioritariamente no continente africano, cunha mortalidade superior ó 90% nas súas cepas máis letais. Estas son cinco, segundo o seu lugar de orixe: Zaire (epidemia de 2014), Sudán, Bundibugyo, Reston e Taï Forest.

Como se transmite?

A súa orixe é descoñecida mais considérase que o reservorio máis probable son os morcegos da froita. O que si se determinou é que a súa transmisión se produciu trala manipulación de cadáveres ou exemplares enfermos de chimpancés, gorilas, morcegos, monos, antílopes ou porcos espiños infectados.

O Ébola non se transmite polo aire: o contaxio entre seres humanos prodúcesepor contacto con fluídos corporais, como o sangue, a suor ou o seme. Infecta a quen trata directamente con persoas enfermas: quen as coida, alimenta e hidrata. Por iso, non só as familias son vulnerables: o persoal sanitario está moi exposto, xa que pode non saber que o paciente está infectado ou pode descoñecer as medidas de protección.

Calcúlase que cada enfermo transmite a enfermidade a outras dúas persoas. A manipulación dos cadáveres é un momento de alto risco para a propagación. Este asunto, en culturas nas que os ritos funerarios consisten en amortallar os mortos persoalmente polos seus seres queridos, é un dos desafíos para as actividades de sensibilización nas comunidades.

Como se diagnostica?

O diagnose é complicada se a persoa se infectou poucos días antes, xa que os primeiros síntomas (irritación ocular, dor muscular ou febre) son frecuentes noutras enfermidades comúns, como a malaria. Porén, se unha persoa presenta síntomas e hai motivos para crer que podería estar infectada con Ébola, debe ser illada inmediatamente e o seu caso notificado ás autoridades sanitarias. A diagnose mediante unha proba PCR-RT (reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa), que detecta o virus e os antíxenos nunha mostra de fluído.

Como se trata?

Non existe un tratamento específico contra o virus e ata hai pouco tampouco existía unha vacina. O tratamento estándar céntrase en tratar os síntomas para aliviar o sufrimento dos pacientes e tentar reducir a mortalidade: rehidratación oral ou intravenosa, e administración de antipiréticos e analxésicos (para a febre e a dor, sobre todo abdominal e de articulacións, que pode ser moi forte), antieméticos (contra a náusea) e tranquilizantes. Estes coidados tentan manter hidratado ó paciente, asegurando o seu nivel de osíxeno e a presión arterial, ó mesmo tempo que se lle proporcionan suplementos nutricionais e vitamínicos, así como antibióticos de amplo espectro se desenvolve infeccións. Este tratamento proporciona máis tempo ó sistema inmune para que loite contra o virus de forma efectiva. Cando a persoa se recupera, é inmune á cepa do virus que teña contraído.

Como se prevén?

Previr a transmisión é crucial para frear un gromo. Por iso, aténdese ás persoas enfermas en centros de tratamento, onde permanecen illadas con estritas medidas de control de infeccións e onde o persoal sanitario traballa debidamente equipado con traxes de protección biolóxica. Tamén é prioritario identificar ás persoas coas que o doente estivese en contacto (é a chamada procura de contactos), así como proceder ó enterro seguro das persoas falecidas. Por iso, son esenciais as actividades de promoción da saúde para informar á poboación sobre a ameaza que constitúe o virus, sobre as medidas de protección precisas e sobre que facer en caso de desenvolver os síntomas.

En xullo de 2015, chegouunha boa nova: unha vacina amosaba ser segura e efectiva ó 100%. Probouse en 4.000 persoas non infectadas mais que estaban en contacto directo co virus. O feito de que se desenvolvera nun tempo récord de tan só 12 meses demostrou que, cando se poñen os medios (financeiros, políticos e científicos), os avances poden producirse moi rapidamente. O equipo de desenvolvemento incluíu a especialistas da nosa organización.

En 2018, utilizamos esta vacina experimental na epidemia de ébola declarada na República Democrática do Congo, mediante o denominado'enfoque de anel'. Isto implica localizar ás persoas coas que estivesen en contacto os casos confirmados, que esencialmente son os seus seres queridos e os seus veciños e veciñas. Estas persoas e, á súa vez, os contactos destas persoas, son vacinadas. Tamén é vacinado o persoal sanitario da zona. Entre todos, forman un 'anel', unha especie de zona de amortecemento que axuda a evitar a propagación da infección. Nesta epidemia, que continuou en 2019, MSF participou nun ensaio clínico que demostrou a eficacia dos medicamentos novos e probou unha segunda vacina para reducir a transmisión do virus.

MSF e o Ébola

Desde 1995, interviñemos en dezaseis gromos de Ébola, case todos os declarados desde esa data, e somos a organización médica de referencia na resposta a este virus. As nosas áreas de traballo son basicamentetres: atención médica, contención e información e sensibilización comunitaria.

A atención médica realízase desde os centros de tratamento. Alí é onde confirmamos a diagnose mediante test e damos o tratamento de soporte, así como coidados paliativos a pacientes terminais. Tamén prestamos apoio psicolóxico a pacientes e familiares. Un centro sempre se divide en dúas zonas diferenciadas. Na de baixo risco están as oficinas, os almacéns e os vestiarios onde o persoal pon o traxe de protección. Na de alto risco, están, por separado, os casos con síntomas e os casos confirmados, e tamén o depósito de cadáveres. Tamén se consideran zonas de alto risco o laboratorio e as ambulancias.

O persoal que está ou pode estar en contacto cos enfermos nas zonas de alto risco usa traxes integrais de protección biolóxica, que cobren cada milímetro da pel e constan de pixama sanitario, carapucha, bata de goma, mandil, luvas, máscara, lentes protectoras e botas. O proceso de colocar o traxe é moi laborioso e pode durar ata 15 minutos; o momento de quitalo é máis delicado e pode levar até 30 minutos. Como o resto de actividades dentro do centro, estes procedementos realízanse en parellas: mentres unha persoa se viste, a outra vixía que non se cometan erros.

As actividades de contención consisten na procura de posibles enfermos ou falecidos, o illamento dos casos sospeitosos, a desinfección das casas e pertenzas das persoas afectadas, e o seguimento daquelas coas que estas estivesen en contacto.

Finalmente, é esencial a sensibilización, para informar á poboación sobre a orixe da epidemia, as formas de contaxio e as medidas de prevención que se deben tomar, os coidados médicos que se ofrecen nos centros de tratamento e a forma de realizar ritos funerarios seguros.

Na epidemia de África occidental de 2014 a 2016, a máis grave da que se ten rexistro e que a diferenza das anteriores afectou a grandes cidades, o traballo dos nosos equipos foi esencial para frear o gromo. Interviñemos en Guinea, Liberia e Serra Leoa desde o principio da epidemia: instalamos centros de tratamento, prestamos apoio psicolóxico a persoas enfermas e superviventes e organizamos actividades de promoción da saúde, vixilancia e seguimento de contactos. No pico do gromo, os nosos equipos nestes tres países estaban formados por case 4.000 persoas contratadas localmente e máis de 325 traballadores e traballadores internacionais. Nos nosos centros, ingresaron case 10.400 persoas, das cales máis de 5.200 deron positivo; de todas elas, case 2.500 lograron sobrevivir.

A décima epidemia de Ébola na República Democrática do Congo (RDC) declarouse o 1 de agosto de 2018 e pechouse oficialmente o 25 de xuño de 2019. Foi a peor epidemia desta enfermidade que azoutou a RDC, e a segunda peor do mundo. Afectou as provincias de Kivu do Norte, Kivu do Sur e Maniema, ademais das rexións fronteirizas de Uganda. O gromo deixou ó seu paso non só case 2.300 mortes, senón tamén un sistema de saúde fráxil que se debilitou aínda máis pola epidemia, nunha área onde as necesidades son enormes. Esta foi a primeira epidemia na que se utilizou a vacina contra o Ébola.

Pouco despois comezou a undécima epidemia en RDC, na provincia do Ecuador, que durou seis meses, e freou grazas a unha mellor resposta médica. Finalizou en novembro de 2020.

vacunación ebola

A vacina contra o Ébola 

A vacina Ervebo Ébola Zaire foi autorizada en 2019 pola Axencia Europea de Medicamentos e a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA), antes de ser precualificada pola OMS e aprobada por oito países africanos.

Entre 2018 e 2020, implementouse para dar resposta a tres epidemias distintas de Ébola na  República Democrática do Congo, incluíndo a epidemia máis grande na historia do país. Os datos clínicos demostrarona eficacia da vacina para protexer ás persoas en risco e reducir a transmisión do virus.

En xaneiro de 2021 creouse a primeira reserva mundial da vacina contra o Ébola.