A Organización Mundial da Saúde (OMS), define a saúde mental como o estado de benestar no cal a persoa é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida e traballar de forma produtiva e frutífera, e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade. Este benestar pode romper debido a acontecementos potencialmente traumáticos, como sufrir ou presenciar actos de violencia, enfrontarse á morte de seres queridos nun desastre natural ou nunha guerra, ter que desprazarse ou perder o fogar e os medios de subsistencia.
A atención en saúde mental inclúe calquera tipo de actividade destinada a protexer ou mellorar o benestar mental de persoas e comunidades, a previr o desenvolvemento de problemas mentais e a tratar ou aliviar o sufrimento e as desordes psicolóxicas, á vez que se axuda ó individuo a mellorar a súa capacidade de seguir adiante coas actividades cotiás.
Estímase que, en todo o mundo, hai 450 millóns de persoas con trastornos de saúde mental, e que unha de cada catro persoas sufrirá algún problema deste tipo ó longo da súa vida. A influencia da saúde mental no benestar físico tamén é importante: preto dun 13% das enfermidades están asociadas a trastornos de saúde mental. A pesar destas cifras, existe unha gran brecha na atención ás persoas con problemas de saúde mental, sobre todo entre as vítimas de crises humanitarias.
Que persoas son máis vulnerables?
En xeral, as persoas con trastornos de saúde mental atópanse entre as máis marxinadas e vulnerables. Na infancia, por exemplo, non se construíron defensas suficientes para afrontar a adversidade e non se comprende o que sucede. As mulleres, pola súa banda, adoitan estar sometidas a condicións sociais máis adversas e en situacións de crises asumen unha maior responsabilidade. Na terceira idade, as condicións de vida poden ser precarias e sumarse a iso afeccións físicas ou emocionais. Tamén están moi expostos algúns grupos de risco, como as persoas con enfermidades físicas ou mentais previas.
Nas poboacións ás que atendemos, os trastornos de saúde mental poden ser provocados por situacións tanto individuais como comunitarias. Por exemplo, poden deberse á emerxencia en cuestión (con loito, estrés, aumento da violencia de xénero ou trastornos alimenticios), a problemas psicolóxicos preexistentes ou mesmo ás consecuencias da propia axuda humanitaria (como a ansiedade pola falta de información ou o abatemento da comunidade).
Como se manifestan estes trastornos?
No marco dunha guerra, un desprazamento forzoso ou un desastre natural, os acontecementos potencialmente traumáticos poden repercutir na mente, os comportamentos, as emocións ou as relacións con outras persoas: estas persoas poden sufrir medo, inseguridade, angustia, ansiedade, estrés, alteracións do sono, dificultade de concentración, loito pola perda de seres queridos, síntomas de depresión (alteracións do humor, tristeza), desesperanza e perda de confianza en si mesmas e nos demais, imaxes recorrentes, flashbacks e pesadelos, ou doenzas psicosomáticas.
MSF e a saúde mental
Consideramos que a saúde mental é unha resposta esencial ó sufrimento humano: por iso cremos que debe ser parte integral da axuda humanitaria e dos coidados médicos. Proporcionamos este tipo de atención en contextos de conflito armado, violencia e desprazamento; marxinación e neglixencia social; desastres naturais; e como apoio a outras condicións médicas como as enfermidades crónicas (VIH/sida, tuberculose), epidemias (Ébola) e crises nutricionais
Dado que os trastornos máis habituais poden ser de orde psicolóxica e social, a nosa resposta ten en conta tanto ás persoas como á súa comunidade: trátase dun enfoque psicosocial. Ademais, ofrecemos axuda psicolóxica temperá, co obxectivo de reducir o risco de problemas psicolóxicos a longo prazo.
Centrámonos en apoiar á persoa e á súa comunidade para que cren as súas propias estratexias de adaptación logo dunha experiencia traumática. Nas consultas axudámoslles a falar das súas vivencias e a procesar os seus sentimentos co fin de reducir os niveis de estrés xeral: escoitando, fomentando a súa expresión verbal e emocional, acompañando na dor, mobilizando e reforzando os seus mecanismos de resposta persoais, familiares e sociais, e axudando a normalizar a situación e a restablecer os sentimentos de seguridade, confianza, autoestima e esperanza.
As sesións poden ser individuais ou en grupo. Poden realizarse a través dunha sesión única naqueles casos onde a continuidade non sexa posible (por exemplo, unha clínica móbil puntual para atender a unha poboación en movemento); mediante sesións esporádicas (clínicas móbiles regulares); ou mediante un programa estable (a través de consulta externa, hospitalización, intervencións comunitarias etc.) De forma complementaria, realizamos sesións de promoción da saúde mental, para promover hábitos saudables e previr trastornos mentais nas poboacións expostas a crises.
Nos últimos anos, tamén estamos integrando a atención psiquiátrica en centros de saúde e hospitais, capacitando a persoal de medicina xeral na atención de casos que non requiren un maior nivel de complexidade.
En 2022, os nosos equipos brindaron 425.500 consultas individuais de saúde mental.
A saúde mental é unha das nosas áreas médicas máis recentes: proporcionámola por primeira vez tralo terremoto de Armenia de 1989. Na actualidade, seguimos impulsando con forza a integración da saúde mental na estratexia médica en xeral e na atención primaria en particular: queremos asegurar unha comunicación eficiente e positiva cos nosos pacientes para identificar estes trastornos e poder tratalos xa desde a atención primaria, mediante intervencións psicolóxicas e farmacolóxicas cando se requiran.