A tuberculose (TB) é unha enfermidade contaxiosa que se transmite polo aire. Un terzo da poboación mundial está infectada con bacilo, mais só unha de cada 10 persoas desenvolve a forma activa. Un sistema inmunolóxico san mantena en estado latente (non presenta síntomas nin pode transmitirse), mais a enfermidade desenvólvese facilmente nun sistema inmunolóxico debilitado e por iso é tan común nas persoas con VIH. Segundo a Organización Mundial da Saúde, en 2022, preto de 10,6 millóns de persoas desenvolveron a enfermidade e 1,3 millóns morreron como consecuencia dela (das cales, 167.000 tiñan tamén VIH); o 69% dos novos casos danse en Asia e África.

Ademais, debido ás deficiencias no manexo da enfermidade e á mala adherencia ós tratamentos, están propagándose cepas resistentes ós medicamentos máis comúns: en 2022 só dúas de cada cinco persoas con tuberculose resistente ós medicamentos tivo acceso a tratamento.

Como se transmite e que síntomas ten?

A TB, que afecta principalmente ós pulmóns, propágase polo aire ó tusir, esbirrar ou cuspir. Estímase que unha persoa coa forma activa pode infectar a entre 10 e 15 persoas ó ano. A incidencia é moito maior entre persoas con VIH, entre as que é a primeira causa de morte.

Os síntomas da tuberculose pulmonar son tose persistente, febre, sudación nocturna e perda de peso. Mais a infección tamén pode afectar a case calquera parte do corpo, como os nódulos linfáticos, a espiña dorsal ou os ósos: trátase da TB extrapulmonar, máis frecuente en persoas con VIH e en menores.

Como se diagnostica?

As técnicas máis utilizadas en países de renda baixa baséanse na análise microscópica das mostras de esputo, un método inventado hai máis dun século e que detecta menos da metade dos casos. Supón un problema engadido no caso dos nenos e nenas (xa que o seu esputo contén poucos bacilos) e en bebés (xa que é imposible tomar unha mostra).

Outra alternativa é o cultivo de mostras de esputo, para comprobar se conteñen micobacterias vivas; é unha técnica máis precisa, pero precisa dun laboratorio con persoal formado e os resultados poden tardar ata oito semanas. Isto significa que a miúdo hai que empezar a medicar ós pacientes antes de coñecer a diagnose completa, polo que o tratamento adminístrase a cegas e non sempre é o axeitado.

Unha proba máis recente, baseada na tecnoloxía molecular, proporciona resultados en apenas dúas horas e mesmo detecta certas resistencias a medicamentos como a rifampicina (un dos máis potentes). Aínda que require unha máquina de alta tecnoloxía (cunha subministración eléctrica estable), é fácil de usar por persoal técnico que recibise unha rápida formación. A mostra de esputo (mesturada cun reactivo) introdúcese na máquina, que detecta tanto as bacterias da TB como aquelas que son resistentes á rifampicina. En todo caso, tampouco é perfecta: un estudo en Eswatini identificou que máis dun 25% das cepas de TB-MDR portan unha mutación que esta tecnoloxía non é capaz de detectar.

Como se trata?

O tratamento da TB dura un mínimo de seis meses: utilízase unha combinación de medicamentos desenvolvidos hai máis de 40 anos.

As combinacións pediátricas apareceron recentemente. Preto dun millón de nenos e nenas contraeron TB en 2017. Ata o de agora, para tratalos había que partir as pastillas para adultos. Pero en 2015 empezamos a utilizar en Níxer a primeira combinación de medicamentos adaptada, creada a partir de tres fármacos xa existentes: son menos pastillas e ademais son facilmente solubles e teñen un sabor agradable. Con todo, o tratamento segue sendo longo: seis meses. Precisamos novos medicamentos no canto dos que veñen utilizándose desde hai 50 anos, para acurtar os tempos de tratamento, xa que canto máis longos son estes, maior é o risco de resistencias. Tamén urxe o desenvolvemento de métodos de diagnose adaptadas ós máis pequenos.

Doutra banda, as cepas resistentes ós tratamentos dificultan enormemente a atención. A tuberculose resistente (TB-DR) presenta resistencias a un ou máis medicamentos de primeira liña.

A TB multirresistente (TB-MDR) é resistente a polo menos dous dos medicamentos máis potentes (isoniacida e rifampicina); esta forma pode curarse con medicamentos de segunda liña, pero o tratamento é longo (dous anos), complicado, caro e ten moitos efectos secundarios. Para o tratamento da TB multirresistente, existen dous novos fármacos, a bedaquilina e a delamanida, máis curtos e sinxelos de administrar. Tres dos fármacos máis novos (a bedaquilina, a delamanida e a pretomanida) poden mellorar o prognóstico para os pacientes con TB resistente; con todo, a súa dispoñibilidade aínda é limitada.

Pola súa banda, a TB extrarresistente (TB-XDR) define ás cepas de TB-MDR que, ademais, son resistentes ós medicamentos de segunda liña, incluíndo polo menos unha das fluoroquinolonas e polo menos un dos de segunda liña inxectables (capreomicina, kanamicina e amicacina). O tratamento polo tanto tamén é moi complicado e moi poucas persoas sobreviven á enfermidade.

MSF e a tuberculose

MSF comezou a tratar a persoas con tuberculose en 1995; desde entón, traballamos conxuntamente coas autoridades nacionais de numerosos países para proporcionar diagnose, tratamento e coidados en zonas de conflito, campos de persoas desprazadas e refuxiadas, apartadas rexións rurais, barrios chabolistas en grandes cidades e até nas prisións. En 1999, empezamos a atender a persoas con formas resistentes da enfermidade e na actualidade somos un dos principais provedores de tratamento para elas. En 2019, 17.800 persoas con TB iniciaron o seu tratamento nos proxectos de MSF.

A historia de Phumeza

Queremos compartir contigo unha historia de TB extrarresistente con final feliz contra todo prognóstico: é a historia de Phumeza Tisile, a nosa compañeira na loita para conseguir que todo o mundo teña acceso a diagnose axeitada e a un tratamento eficaz. A valentía e o compromiso de Phumeza inspírannos cada día.