Máis de 30 anos despois do seu descubrimento e do inicio da pandemia, aínda que a resposta internacional mellorou, o VIH segue sendo unha emerxencia médica mundial. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), ata agora morreron 33 millóns de persoas; só en 2022 morreron 630.000 persoas e 1,3 millóns contaxiáronse.. Na actualidade, estímase que 39 millóns de persoas viven co VIH, das cales 29,6 millóns reciben tratamento antirretroviral. A rexión máis afectada do mundo segue sendo África subsahariana.

Como se transmite e que síntomas ten?

O virus de inmunodeficiencia humana (VIH) transmítese polo sangue e os fluídos corporais. Vai debilitando o sistema inmunitario, xeralmente ó longo dun período de entre 3 e 15 anos (aínda que 10 anos é o máis habitual), ata causar a síndrome de inmunodeficiencia adquirida ou sida. Cando as defensas se debilitan, poden aparecer infeccións oportunistas como a candidiase, a pneumonía ou varios tipos de tumores. Algunhas infeccións poden tratarse, mentres que outras son letais. A enfermidade oportunista máis frecuente é a tuberculose, a principal causa de morte entre as persoas con VIH.

Moitas persoas viven con VIH durante anos sen amosar síntoma algún e poden non coñecer o seu estado.

Como se diagnostica?

Unha simple análise de sangue buscando anticorpos pode confirmar a presenza do virus. No caso dos bebés, que poden ter anticorpos da nai, precísanse probas máis complexas que non están dispoñibles na maioría dos lugares máis afectados pola epidemia.

Como se trata?

As combinacións de medicamentos antirretrovirais (ARV), ou terapias combinadas, axudan a combater o virus: permiten vivir máis e mellor sen que o sistema inmune se deteriore rapidamente. O tratamento reduce a probabilidade de transmisión do virus ata nun 96%: o tratamento é polo tanto unha forma moi eficaz de prevención.

Segundo as últimas recomendacións da OMS, todas as persoas diagnosticadas con VIH deben comezar inmediatamente o tratamento. Ademais, a súa adhesión ao tratamento debe revisarse con probas de carga viral: mídese a cantidade de copias do virus en sangue para comprobar se se mantén en niveis indetectables ou se é preciso cambiar a un réxime de segunda ou terceira liña.

Sempre segundo a OMS, a finais de 2022, 29,6 millóns de persoas estaban a tratamento en todo o mundo.

MSF e o VIH

Somos unha das organizacións pioneiras no tratamento do VIH en países sen recursos. Os nosos primeiros proxectos de tratamento remóntanse ó ano 2000, en Tailandia: alí demostramos, fronte ó discurso imperante entón, que a pesar de todas as dificultades, diagnosticar e tratar o VIH en países de renda baixa é posible. En 2022, os nosos equipos administraron tratamento antirretroviral de primeira liña a 31.500 pacientes con VIH e de segunda liña a 6.570; en total, 37.070 persoas recibían tratamento de primeira ou segunda liña en programas directamente xestionados por MSF como os anteriores, ou en programas dos Ministerios de Saúde que reciben o apoio de MSF.

Ademais da diagnose, tratamento e probas de carga viral, os nosos proxectos de VIH inclúen tratamento e prevención das infeccións oportunistas, actividades educativas e de sensibilización (a través de grupos de pacientes que se axudan mutuamente), asesoramento e apoio psicolóxico, e distribución de preservativos

Por outra banda, dado que a maioría dos nenos e nenas con VIH contraeron o virus durante o embarazo, o parto ou a lactación, proporcionamos tratamento para a prevención da transmisión maternoinfantil: consiste en administrar ARV á nai durante o embarazo, o parto e a lactación, e ó bebé xusto despois de nacer.

En todos estes ámbitos, apostamos pola simplificación e a descentralización da diagnose e o tratamento co fin de que estean o máis preto posible das casas das persoas afectadas. Por exemplo, implantamos a estratexia de traspaso de tarefas, co fin de que actividades antes reservadas só ó persoal médico (como a iniciación do tratamento) poidan ser realizadas por outro persoal sanitario, o de enfermería por exemplo.

Tratarse o VIH nun país en guerra

Máis da metade dos países nos que traballamos están en guerra ou son moi volátiles e inestables: de aí a importancia de desenvolver estratexias que impidan que os pacientesinterrompan o seu tratamento en caso de que un gromo de violencia lles impida acudir ó centro de saúde ou de que teñan que fuxir.

Un dos protocolos consiste en preparar bolsas cos medicamentos que precisarán levar con eles en caso de fuxida. En Sudán do Sur por exemplo, un país afectado polo conflito e con alta prevalencia de VIH, nas zonas onde traballamos fomos capaces de tratar a todas as persoas con VIH no ámbito comunitario, tal e como recomenda a OMS. Seguiremos explorando novas formas de garantirlles o tratamento.