O virus Chikungunya foi identificado por primeira vez en Tanzania a mediados do século XX. En lingua makonde, chikungunya significa “o que se torce”, unha descrición moi fiel das persoas que padecen esta enfermidade, que adoitan camiñar encurvadas debido ás fortes dores de articulacións que este virus provoca.

Como se transmite?

 

Os transmisores do virus son os mosquitos do xénero Aedes, en especial Aedes aegypti e Aedes albopictus, dúas especies que tamén poden transmitir outros virus, como os do dengue, a febre amarela e o Zika. Orixinariamente, estes mosquitos só estaban presentes en África e en Asia, mais de forma moi recente o A. albopictus (ou mosquito tigre) chegou ata América e Europa. A enfermidade propágase con rapidez e xa se detectaron casos en máis de 60 países de todo o mundo.

Que síntomas ten?

 

Entre tres e sete días despois da picadura, o chikunguya provoca febre alta, dor de cabeza, de articulacións e muscular, fatiga, e mesmo náuseas e sarabullos. A enfermidade raramente causa a morte, e a maioría das persoas recupéranse ó cabo duns días ou semanas. Con todo, algunhas sufrirán fortes inflamacións e dor de articulacións durante anos. As complicacións son máis frecuentes en menores de 1 ano, maiores de 45 anos e enfermos crónicos, como persoas que padecen diabetes e hipertensión arterial.

Como se diagnostica e se trata?

 

Ó compartir algúns síntomas co dengue e o Zika, pode producirse unha diagnose clínica errónea nas zonas onde outras enfermidades son comúns. A diagnose máis fiable é mediante probas que detectan o material xenético do virus.

Non existen tratamento nin vacina específicos para o chikungunya, polo que o tratamento está destinado a aliviar os síntomas, por exemplo con antiinflamatorios para controlar a dor. E as accións para controlar a enfermidade deben dirixirse a eliminar os focos de reprodución do mosquito.

MSF e o chikungunya

 

En 2015, demos apoio ó principal hospital de Honduras –mediante formacións– para responder a un gromo de chikungunya. Ese mesmo ano, apoiamos ó Ministerio colombiano de Saúde nas tarefas de control vectorial (fumigación de vivendas), sensibilización e promoción da saúde, formación do persoal sanitario nas urxencias de varios hospitais e no colectivo farmacéutico, recollida de datos epidemiolóxicos e mediante a doazón de probas de diagnose. E en caso de gromos epidémicos, intervimos de inmediato, como foi o caso en 2017 en Mombasa (Kenya), en 2018 en Kassala (Sudán) e en 2019 en Etiopía.

“Desde o mes pasado ando pola casa arrastrando os pés coma se fosen de ferro e esperto cada día cunha dor nova e moi forte. Durante todo este tempo non pasou un día en que, se non teño febre, teño dor de cabeza ou amenzo con inchazón nas mans e nocellos. Tamén teño dor nos ombros, xeonllos e no pescozo, e un proído en todo o corpo. Pero o que máis pánico me dá son as escamaduras que teño na planta dos pés e nos cóbados, coma se fose peixe”.

Testemuño dunha muller maior, recollido na súa casa en Tumaco, Colombia (2015).