Por cirurxía maior enténdese calquera procedemento cirúrxico realizado nun quirófano e con anestesia xeral ou espiñal, incluíndo a cirurxía obstétrica. As nosas actividades cirúrxicas son tan diversas como os contextos nos que traballan os nosos equipos: desde cirurxías de guerra en países en conflito a cesáreas en clínicas de maternidade. En 2022, practicamos 118.100 intervencións cirúrxicas que requiriron incisión, escisión, manipulación ou sutura de tecidos con anestesia.

Cirurxía de emerxencia

Os nosos equipos traballan en escenarios de emerxencia onde a atención especializada escasea ou non existe. En sistemas de saúde debilitados pola guerra ou a falta de fondos, pode haber pouco persoal cualificado ou este pode non dispoñer do material cirúrxico ou do equipamento médico preciso para unha operación; ás veces, sinxelamente o hospital que pode atender unha urxencia está demasiado lonxe e quen precisa cirurxía non chega a tempo.

En 2019, en Gaza, aínda que con menos vítimas, as protestas da Gran Marcha do Retorno ó longo da fronteira con Israel continuaron e máis de 1.800 persoas resultaron feridas; realizamos 1.950 cirurxías maiores a 609 pacientes. Alén disto, centos de persoas feridas en 2018, que sufriron lesións moi complexas con gran perda de músculo e óso, seguiron precisando atención moi especializada. Respecto a Iemen, realizamos 27.100 cirurxías ás vítimas dun conflito que deixou a este país e á súa Sanidade en ruínas. En Siria, outro país en guerra, practicáronse13.500 intervencións nos proxectos que diriximos ou ós que damos apoio.

En tales circunstancias, a asistencia que proporcionamos é vital, e gran parte da cirurxía que practicamos é de emerxencia; esencialmente son intervencións de xinecoloxía e obstetricia, cirurxía de guerra, urxencias traumatolóxicas non relacionadas coa violencia (por exemplo, para atender a vítimas de accidentes de tráfico) e condicións patolóxicas que ameazan a vida (como infeccións, inflamacións, obstrucións etc.).

Cirurxía reconstrutiva ou reparadora

Nos países nos que traballamos apenas existen servizos de cirurxía reconstrutiva, que poden ser vitais para que a persoa retome a súa vida normal logo de sufrir unha lesión ou despois dunha operación realizada en peores circunstancias . Por exemplo, no proxecto de Amán (Xordania), onde atendemos as vítimas dos conflitos de Siria, Iraq, Territorios Palestinos ou Iemen, realizamos intervenciónsortopédicas, maxilofaciais e plásticas, dentro dun paquete de atención integral que tamén proporciona fisioterapia e apoio psicosocial. En 2019, atendiamos neste hospital a uns 200 persoas ó mes e practicamos 1.080 cirurxías.

Do mesmo xeito, contamos con programas de reparación da fístula obstétrica, unha lesión aberta entre a vaxina e a vexiga ou o recto que adoita producirse durante partos obstruídos ou prolongados nos que a muller non recibiu unha atención cualificada. Esta lesión causa a perda continua de urina e feces, e a muller a miúdo acaba sendo marxinada. Nalgúns países, ofrecemos esta intervención de forma regular nos nosos proxectos, mentres que noutros organizamos programas puntuais unha ou dúas veces ó ano.

Tras máis de catro décadas de cirurxía de emerxencia, aprendemos numerosas leccións e non deixamos de innovar para poder ofrecer os mellores servizos cirúrxicos ás persoas que atendemos e para estar preparados para intervir no menor tempo posible. 

Desenvolvemos por exemplo os kits de cirurxía, que conteñen todo o instrumental e equipamento precisos para iniciar actividades cirúrxicas de inmediato en calquera contorna. 

Así mesmo, contamos con hospitais inchables, que nos permiten dispoñer de quirófanos funcionais en cuestión de horas, por exemplo en lugares onde un desastre natural teña destruído ou inutilizado as estruturas existentes.