O dengue é unha enfermidade vírica transmitida por un mosquito, que pode presentar diferentes cadros clínico e cuxo prognóstico é impredicible. A Organización Mundial da Saúde considera que é unha enfermidade emerxente susceptible de provocar epidemias en moitas rexións do mundo. De facto, o número de casos multiplicouse por 30 no último medio século e estímase que na actualidade ameaza á metade da poboación mundial: hai máis de 100 países endémicos. O maior número de casos de dengue rexistrouse en 2023 e afectou a máis de 80 países de todas as rexións. Desde principios de 2023, a transmisión en curso, combinada cun pico inesperado de casos de dengue, deu lugar a un máximo histórico de máis de 6,5 millóns de casos e máis de 7.300 mortes notificadas relacionadas coa enfermidade.
Por que se está propagando?
A propagación do dengue está relacionada cos problemas da sociedade moderna nos países con menos recursos: a explosión demográfica, a urbanización non planificada, o deterioro dos programas de saúde pública e saneamento, e a contaminación con plásticos e pneumáticos onde se estanca a auga que os mosquitos utilizan como criadeiro. Ademais, debido á globalización, persoas enfermas, vectores e serotipos virais desprázanse a zonas onde antes non había casos, mentres que o quecemento global contribuíu a ampliar os territorios onde pode vivir o mosquito e transmitirse o virus.
Como se transmite e que síntomas ten?
O dengue transmítese pola picadura dun mosquito da especie Aedes sp. infectado con algún dos catro serotipos do virus existentes. Os síntomas aparecen ó final do período de incubación (entre tres e 10 días): a enfermidade maniféstase entón de forma abrupta, con febre de moderada a alta (que pode chegar a ser incapacitante), fortes dores de cabeza e ollos, e dores musculares e de articulacións.
O dengue grave provoca, entre outros síntomas, dor abdominal intensa e continua, vómitos persistentes, hipotensión e/ou síncope, inflamación do fígado, hipotermia, dificultade respiratoria e hemorraxias, alén de estados de somnolencia e irritabilidade. O dengue grave é potencialmente mortal e require hospitalización inmediata.
Como se trata?
O dengue non ten tratamento específico; por sorte, a diagnose temperá e unha atención axeitada reduce drasticamente a taxa de mortalidade ata o 1% dos casos. O tratamento é sintomático, é dicir que aborda os síntomas da enfermidade: adminístranse antipiréticos para a febre e hidrátase ó paciente (nos casos máis graves pode ser precisa a rehidratación intravenosa).
Ata agora, unha vacina (QDenga) foi aprobada e autorizada nalgúns países. Porén, só se recomenda para o grupo de idade de 6 a 16 anos en contornas de alta transmisión. Estanse avaliando outras vacinas.
MSF e o dengue
A nosa resposta depende da amplitude do gromo e da resposta do Ministerio de Saúde do país afectado. Por exemplo, en 2010, demos apoio ó hospital pediátrico de San Felipe de Tegucigalpa durante a peor epidemia de dengue rexistrada en Honduras, con 66.000 casos reportados; e en 2013, a cidade de San Pedro Sula (a segunda máis importante do país) sufriu un grave gromo de dengue hemorráxico e a emerxencia médica foi de tal relevancia que os nosos equipos tiveron que habilitar unha unidade de coidados intensivos especializada no principal hospital da rexión.
Noutros casos, como pode ser a resposta ó dengue en Acapulco (México) en 2013 e 2014, centrámonos na prevención. Dado que a única forma de previlo é o control vectorial, a eliminación do mosquito (destrución das larvas e fumigacións), a mellora do saneamento e a vixilancia epidemiolóxica son aspectos esenciais de toda intervención. Nestas tarefas, así como na procura de enfermos, apostamos pola implicación da cidadanía e organizamos actividades de promoción da saúde para sensibilizar á comunidade e formar brigadas de fumigación.
En 2017, interviñemos durante a epidemia do dengue en Burkina Faso: en colaboración co sistema de saúde nacional, asumimos as probas rápidas de diagnose, a derivación de casos graves, a prescrición dos medicamentos para a febre e a atención ás persoas enfermas. Tamén axudamos a mellorar a detección do virus e o tratamento dos síntomas, por exemplo coa administración de líquidos por vía intravenosa e transfusións de sangue. Finalmente, desenvolvemos actividades de sensibilización comunitaria nos centros de saúde para alentar ás persoas a buscar atención médica no canto de automedicarse. Esta intervención continuou en 2018: habilitamos unha rede de vixilancia e diagnose de casos sospeitosos, ofrecemos formación ó persoal sanitario e axudamos ó Ministerio para crear un plan de continxencia para novos gromo.
Obstáculos para control do dengue
A violencia urbana pode supoñer un grave obstáculo para os programas de control e resposta ó dengue. En Acapulco, por exemplo, as brigadas de fumigación e de promoción da saúde foron atacadas polas bandas que operan no barrio de Colonia Xardín.
Pero era importante que as actividades médicas continuasen, e por iso optamos por novas estratexias. A principal foi reactivar as brigadas mediante a contratación de persoas do barrio que, unha vez formadas, puideron traballar con máis seguridade, informando ós seus conveciños e conveciñas, xerando confianza e fumigando as súas casas.