Estímase que hai 71 millóns de persoas con infección crónica de hepatite C no mundo e que preto de 400.000 persoas morren por esta causa cada ano; a meirande parte dos decesos prodúcense nos países de renda baixa e media, onde apenas hai diagnose e tratamento. As rexións e países máis afectados son Asia central e oriental, Exipto, China e Paquistán.

Que é e como se transmite?

A hepatite C, causada polo virus do mesmo nome (VHC), é unha enfermidade do fígado transmitida a través do sangue, principalmente debido a prácticas non seguras de inxección, á reutilización ou esterilización inadecuada de instrumental médico e á transfusión de sangue e plasma non controlados.

O virus pode provocar infeccións agudas ou crónicas de diversa gravidade: desde unha enfermidade moderada que dure unhas poucas semanas a unha enfermidade grave para sempre. As persoas infectadas a miúdo non amosan síntomas ata pasados varios anos, aínda que quen ten unha infección aguda pode sufrir febre, fatiga, inapetencia crecente, náuseas e vómitos, dor abdominal, dor de articulacións, afeccións urinarias e ictericia.

Como se trata?

Nos derradeiros anos, desenvolveuse unha nova xeración de medicamentos, os antivirais de acción directa (AAD); é un tratamento por vía oral con poucos efectos secundarios que dura tres meses. Estes fármacos son moi eficaces (nas súas diferentes combinacións, curan ó 95% das persoas) mais tamén poden chegar a ser moi caros até para os países de renda alta e media.

Nos países de renda alta, un tratamento de tres meses comezou custando moi por enriba dos 100.000 dólares (uns 85.000 euros), e por iso segue fóra do alcance de moitas persoas enfermas, en especial en países de renda media. MSF utilizou versións xenéricas que, na maioría dos seus proxectos, lle permitiron diminuír o custo dun tratamento nuns 75 dólares (65 euros).

MSF e a hepatite C

MSF empezou a tratar a persoas con hepatite C en 2013, na India A acción integral é moi importante. Na Ucraína, por exemplo, colaboramos co Ministerio de Saúde na diagnose e tratamento da enfermidade. Administramos antivirais de acción directa de gran eficacia: daclatasvir e sofosbuvir. Tamén ofrecemos apoio psicosocial e educación para a saúde, co obxectivo de axudar a mellorar a adherencia ó tratamento e combater o estigma e a discriminación que sofren estes pacientes. Este novo modelo de atención que axudamos a implantar na Ucraína logrou unha taxa de curación do 97,4%.

En Camboxa, onde a hepatite C é endémica e moi poucas persoas son diagnosticadas ou tratadas, introducimos en primeiro lugar novas diagnoses e tratamentos simplificados: estes procedementos máis rápidos permitiron reducir o lapso entre a detección e o inicio do tratamento de 140 días a só 9. Sumado a iso, o uso dos novos AAD diminuíu a cantidade de consultas que precisaba cada paciente durante o tratamento, de 16 a 5, e só unha delas precisaba a presenza dun especialista en medicina. Todo isto beneficia á adherencia ó tratamento. E ademais tamén traballamos en distritos rurais para buscar as estratexias máis eficaces da detección activa de casos realizando as probas nas propias aldeas.

En 2022, en colaboración cos Ministerios de Saúde correspondentes, MSF tratamos a 5.770 persoas con hepatite C.

Testemuño de hepatite C en Camboxa

“Buscamos o tratamento por tódalas partes. Algunhas persoas dicíanme que podería conseguilo en Singapur por 10.000 dólares ou en Vietnam por 8.000 dólares. Tería que vender a miña casa. Decidín agardar e, se morría, polo menos os meus fillos quedarían coa casa. Agora estou moi agradecido a MSF polo tratamento. Dálles esperanzas ós meus fillos e a posibilidade de que sigan vendo ó seu pai cando sexan maiores".

Din Savorn, policía, tivo hepatite C e puido curarse (Phnom Penh, Camboxa).