A leishmaniose visceral ou kala azar (que significa “febre negra” en hindi) é unha enfermidade tropical parasitaria transmitida a través da picadela dun certo tipo de mosca da area. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é altamente endémica no subcontinente indio e na África oriental e cóntanse entre 50.000 e 90.000 novos casos cada ano en todo o mundo, dos que só entre o 25 e o 45% se notifican á OMS. A meirande parte dos casos danse en Brasil, leste de África e a India.

A enfermidade é máis complexa de diagnosticar e tratar en África, onde os conflitos armados e os movementos de poboación favoreceron a aparición de moitas epidemias nos últimos 25 anos.

Que síntomas ten?

Cando unha persoa se infecta, o seu sistema inmunolóxico debilítase e é máis vulnerable a outras infeccións. Os síntomas son febre durante máis de dúas semanas, aumento do tamaño do bazo, o fígado e os ganglios, anemia e perda de apetito e peso. Sen tratamento, o kala azar case sempre é mortal. Porén, unha diagnose e tratamento temperán poden salvar a unha persoa enferma, até en contornas con recursos limitados.

Como se diagnostica?

Normalmente, a diagnose clínica a partir dos síntomas acompáñase dunha proba rápida de detección de anticorpos. Se ben estas probas poden usarse en Asia, non son suficientemente sensibles para a súa utilización en África, e alí é preciso realizar exames ó microscopio de mostras do bazo, a medula espiñal ou os nódulos linfáticos. Estes procedementos tan invasores precisan recursos que non poden conseguirse facilmente en países de renda baixa.

Como se trata?

As opcións de tratamento evolucionaron nos últimos anos e son específicas segundo a rexión xa que a súa eficacia varía. En Asia, a anfotericina B liposomal (L-AmB) converteuse no principal tratamento, ben soa ou como parte dunha terapia combinada cando hai coinfección con VIH. É máis segura e ten un curso de tratamento máis curto que medicacións anteriores e adminístrase nunha hora, mais segue sendo por vía intravenosa, o que en moitas pequenas clínicas con poucos recursos representa un problema. En África, o mellor tratamento dispoñible é unha combinación de antimoniais pentavalentes e paromomicina, que se administra mediante unha serie de dolorosas inxeccións durante 17 días. Na actualidade, varias investigacións buscan un tratamento máis curto, que se espera estea dispoñible en breve.

A coinfección por kala azar e VIH supón un reto enorme, pois ámbalas dúas enfermidades inflúen unha noutra nun círculo viciosos, atacando e debilitando o sistema inmunolóxico. Tamén contribúe a obstaculizar a atención o feito de que moitas das persoas que sofren esta enfermidade viven en zonas moi remotas, lonxe da atención médica que precisan, e por tanto moitas infeccións e mortes nunca chegan a coñecerse.

MSF e o kala azar

Desde 1988, tratamos a máis de 140.000 persoas con kala azar, principalmente en Sudán, Sudán do Sur, Etiopía, Kenya, Somalia, Uganda, India e Bangladesh. En 2019, tratamos a 1.970 persoas en países como India, Sudán, Sudán do Sur, Etiopía, Camerún ou Burkina Faso.

A nosa experiencia directa na atención do kala azar durante tantos anos contribuíu a mellorar os métodos de diagnóstico e os protocolos nacionais e internacionais de tratamento. Por exemplo, en colaboración con outras entidades especializadas, validamos e introducimos unha proba de diagnóstico rápida que, grazas ó seu sinxelo uso, permitiu descentralizar a diagnose (e ás veces tamén o tratamento) a áreas remotas.

Caso de éxito na India

Outro caso de éxito é India. O 50% dos casos mundiais de kala azar danse neste país e, destes, o 90% concéntranse en Bihar. Desde 2012, en colaboración coa iniciativa Medicamentos para Enfermidades Esquecidas (DNDi), mantiñamos en Bihar un proxecto piloto de avaliación da seguridade e eficacia de novas modalidades de tratamento; en 2014, logo de presentar as súas conclusións, o Goberno de India adoptou a monodosis de L-AmB como tratamento de primeira liña. Esta decisión chegou nun momento crucial, xusto cando a Organización Mundial da Saúde e a farmacéutica Gilead se comprometían a achegar unha subministración ilimitada de L-AmB até 2016 (ampliable a 2021).