A malaria é unha enfermidade potencialmente mortal, aínda que se pode previr e curar. A metade da poboación mundial está en risco de contraela. Segundo a Organización Mundial de Saúde (OMS), en 2022 houbo 249 millóns de novos casos e 608.000 persoas falecidas por malaria. O 94% dos casos danse en África.

Sexa como for, os grandes avances rexistrados débense ó uso das probas rápidas de diagnose e ás novas terapias combinadas. Malia os enormes progresos, a malaria segue sendo un grave problema de saúde pública en moitas rexións, en especial nos países de África subsahariana.

Como se transmite?

A maioría dos casos de malaria está causada por catro especies do parasito Plasmodium: falciparum, vivax, ovale e malariae. De todos eles, o P. falciparum provoca a forma máis grave da enfermidade.

Este parasito é transmitido ás persoas pola picada dun mosquito femia do xénero anófeles: o parasito multiplícase no fígado e pasa ó fluxo sanguíneo. Se outro mosquito pica a esa persoa, o insecto inféctase, e así continúa o ciclo de transmisión.

A transmisión depende das condicións meteorolóxicas, en especial da chuvia, a calor e a humidade, que favorecen a multiplicación do mosquito (que pon os seus ovos na auga). En moitas rexións, a transmisión é estacional e o pico prodúcese durante e xusto despois das chuvias.

Que síntomas ten?

Os síntomas adoitan aparecer entre 10 e 15 días despois da picada, e consisten fundamentalmente en febre, dor articular e de cabeza e vómitos; se non é tratada, a malaria pode ameazar a vida rapidamente.

Como se diagnostica?

En caso de febre, debe realizarse un exame clínico para buscar outros síntomas, como dor de cabeza ou articular. Para confirmar a diagnose, pódese buscar o parasito no sangue con probas de microscopio. Actualmente tamén existen probas rápidas que, en 15 minutos e cunha gota de sangue, permiten saber se unha persoa está infectada sen que sexa preciso usar o laboratorio.

A proba rápida é importante porque permite unha diagnose e tratamento precoces: isto pode evitar que a malaria evolucione á forma grave e potencialmente mortal. En segundo lugar, permite tratar unicamente os casos que realmente son de malaria e non outras enfermidades con síntomas similares, evitando así que os e as pacientes reciban medicación para unha enfermidade que non teñen e que aparezan resistencias.

Como se trata?

En moitas rexións, os parasitos da malaria desenvolveronresistencias a parte dos medicamentos antimaláricos tradicionais, como a cloroquina ou a sulfadoxina-pirimetamina. As nosas investigacións nos proxectos axudaron a probar que a terapia combinada con artemisinina (TCA) é a máis efectiva contra o P. falciparum; en 2010, a OMS cambiou as súas guías para recomendar o uso do artesunato (un derivado da artemisinina) no tratamento da malaria severa.

A artemisinina é un derivado dunha planta de orixe chinesa. De fácil utilización (por vía oral ou inxectable), actúa con inmediatez e elimina o parasito no sangue máis rapidamente que outras moléculas dispoñibles. Fálase de terapias combinadas porque a artemisinina adminístrase combinada con outras moléculas que seguen sendo eficaces. Esta combinación utilízase para eliminar totalmente os parasitos do organismo, evitando hospitalizacións por malaria severa e a aparición de resistencias á artemisinina.

Como se prevén?

O propio tratamento da persoa enferma contribúe a controlar a propagación da malaria, mais tamén existen medidas de prevención tradicionais moi eficaces: os mosquiteiros tratados con insecticida, que seguen sendo un medio importante para controlar a malaria. Alén disto, os Ministerios de Saúde de países como Burkina Faso, Chad, Malí, Níxer Gambia, Ghana, Guinea, Guinea-Bissau, Nixeria, Senegal ou Togo incluíron nos seus Programas Nacionais da Loita contra a Malaria unha nova estratexia: a quimioprevención da malaria estacional (SMC), que utilizamos con éxito nos nosos proxectos desde 2012.

MSF e a malaria

A malaria é a enfermidade máis frecuente nos nosos hospitais e centros de saúde. Só en 2022, tratamos a máis de 4,2 millóns de persoas con paludismo. Menores de 5 anos e mulleres embarazadas son a nosa prioridade, xa que son os grupos máis vulnerables á hora de combater o parasito cando a infección xa se produciu: nestes casos, a rápida diagnose e o tratamento precoz son esenciais para evitar casos graves que precisen hospitalización. Amais, nas rexións endémicas, distribuímos mosquiteiros impregnados a familias con embarazadas e menores de 5 anos, e organizamos sesións de sensibilización para concienciar sobre a importancia do seu uso.

Do mesmo xeito, desde 2012, levamos a cabo estratexias preventivas como a SMC: durante os tres ou catro meses de pico da enfermidade, proporcionamos ós nenos e nenas de ata 5 anos un tratamento antipalúdico oral (sulfadoxina-pirimetamina e amodiaquina) durante tres días, unha vez ó mes. 

En 2014, tamén realizamos unha distribución masiva de antimaláricos en Serra Leoa durante a epidemia de Ébola: durante catro días, repartimos 1,8 millóns de tratamentos (artesunato-amodiaquina) en Freetown e a súa periferia. O tratamento servía tanto para tratar os casos en curso como para previr a enfermidade no momento de maior transmisión: o obxectivo era reducir a incidencia da malaria (o gromo de ébola debilitou moito o sistema de saúde) e evitar a confusión entre as dúas enfermidades (cuxos primeiros síntomas son similares).

Temos que adaptarnos ás poboacións ás que queremos atender e ás circunstancias polas que pasan. A miúdo, son vítimas da violencia e do desprazamento, e temos que buscar novas estratexias para garantir que isto non lles deixa sen diagnose e tratamento. Por exemplo, en 2015 en República Centroafricana, demos tratamento preventivo a todos os nenos e nenas de ata 5 anos dunha zona de gran volatilidade, ante a perspectiva de que a poboación tivese que fuxir e non puidésemos tratalos cando chegase o pico da malaria.

  • Cada ano, a malaria mata preto de 500.000 persoas

  • En 2018 tratamos a 2.396.200 de persoas

  • O 70% de todas as mortes son nenos e nenas menores de 5 anos

Malaria no mundo

A malaria é unha enfermidade potencialmente mortal, aínda que se pode previr e curar. A metade da poboación mundial está en risco de contraela. Os últimos datos dispoñibles da Organización Mundial da Saúde (OMS), indican que en 2022 houbo 249 millóns de casos e 608.000 mortes, na súa inmensa maioría na África subsahariana.