A meninxite meningocócica, provocada pola bacteria Neisseria meningitidis, é unha enfermidade moi contaxiosa que causa a inflamación grave das meninxes, as finas membranas que recobren o cerebro e a medula espiñal. Aínda que calquera persoa pode resultar infectada, bebés e menores de 5 años son especialmente vulnerables.
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), entre 1995 e 2014, contaxiáronse 900.000 persoas, das cales un 10% morreron e entre o 10 e o 20% sufriron secuelas neurolóxicas. A rexión máis afectada son os 26 países situados na franxa africana coñecida como 'cinto da meninxite', que atravesa o continente de leste a oeste, desde Senegal a Etiopía, e onde viven máis de 400 millóns de persoas. Nesta zona, as vacinacións masivas dos últimos anos conseguiron diminuír significativamente a incidencia da meninxite, pasando de 24.000 casos en 2010 a 11.500 en 2014, segundo a OMS.
Como se transmite?
A infección transmítese unicamente de persoa a persoa, a través de pingas de saliva. Por iso, un clima seco e ventoso fomenta a súa propagación: a gorxa irrítase e deixa de actuar como barreira para as bacterias. A masificación, por exemplo en poboacións refuxiadas, é outro factor de risco.
Segundo a OMS, entre un 10 e un 25% da poboación mundial é portadora de bacterias meningocócicas, mais a meirande parte destas persoas están sas. Unha persoa pode ser portadora da bacteria sen presentar síntomas e propagala ó tusir ou esbirrar. En xeral, unha persoa pode ser portadora das bacterias durante un período de entre 5 e 15 semanas.
Que síntomas ten?
Os síntomas dependen da idade. Os nenos e nenas maiores de 1 ano e as persoas adultas poden ter febre, intensas dores de cabeza, fotosensibilidade ou rixidez de caluga, e nas formas graves, coma, convulsións ou alteracións neurolóxicas. Ata o ano, danse normalmente irritabilidade, febre, hipotermia e unha alteración do estado xeral (como vómitos ou rexeitamento de alimentos). A morte pode sobrevir ás poucas horas da aparición dos síntomas e sen tratamento poden morrer até un 50% das persoas infectadas.
Como se diagnostica?
Diagnosticar a meninxite adoita resultar difícil, e debe facerse rapidamente, debido á fulminante progresión da enfermidade. A diagnose require o exame dunha mostra de líquido cefalorraquídeo (que se obtén mediante unha punción na medula). Se hai infección, o líquido é turbio e contén bacterias que poden analizarse no laboratorio para identificar o xerme responsable; nese caso, as bacterias cultívanse para determinar a súa sensibilidade ós antibióticos dispoñibles. A identificación rápida do serogrupo –A, B, C, W135, X ou E– é moi importante xa que do resultado dependerán o risco de epidemia e tamén as vacinas que poden utilizarse se hai que lanzar unha campaña.
Como se trata?
Esta enfermidade é unha urxencia médica. O tratamento consiste en antibióticos específicos, que penetran no líquido cefalorraquídeo. O de primeira liña é a ceftriaxona, que se administra durante cinco días a pacientes maiores de 2 meses; para os menores desa idade, son precisos sete días de tratamento. Tambén debe asegurarse unha boa alimentación e hidratación, e prestar atención ó coidado da boca e os ollos para evitar úlceras.
Con todo, mesmo con tratamento adecuado, entre o 5 e o 10% das persoas afectadas falecen antes de dous días, e un de cada cinco sobreviventes pode sufrir secuelas de por vida, como xordeira, discapacidade intelectual e epilepsia.
Pode previrse?
A vacinación masiva temperá é o medio máis eficaz para limitar a propagación de epidemias. A OMS considera que as inmunizacións masivas contra as diferentes cepas da meninxite lograronprevir até o 70% dos casos que podían esperarse nos gromos en África.
Concretamente, a loita contra a meninxite A experimentou grandes avances: a organización sen ánimo de lucro Path e o Instituto Serum da India desenvolveron unhanova vacina contra esta cepa, MenAfriVac, que protexe durante 10 anos e impide que un portador san transmita a enfermidade. Desde 2010, leváronse a cabo campañas de vacinación masiva preventivas en Benín, Burkina Faso, Camerún, Chad, Ghana, Malí, Níxer, Nixeria, Senegal, Etiopía e Sudán, que se traduciron nunha redución do número de novos casos.
Porén, seguen producíndose gromos provocados por outras cepas. En Nixeria por exemplo repetíronse epidemias de meninxite C en 2013, 2014, 2015 e 2016; eses dous últimos anos, o gromo tamén se estendeu a Níxer. Precisamente neste último país é onde se rexistrou o maior número de casos de meninxite C en 2017, sen que en todo caso se deran epidemias.
A dispoñibilidade mundial de vacinas conxugadas contra múltiples cepas da meninxite (ACWY) é moi escasa; ademais, estas vacinas son moi caras. Por todo isto, resulta imposible realizar campañas de vacinación a grande escala. En todo caso, está en desenvolvemento unha nova vacina conxugada ACWYX e espérase que estea dispoñible e a un prezo alcanzable en 2021 ou 2022.
MSF e a meninxite
A nosa resposta a un gromo de meninxite baséase no tratamento e na vacinación: traballamos en colaboración coas autoridades locais e nacionais de saúde para reforzar ou crear un sistema de vixilancia epidemiolóxica, dar tratamento e, se for preciso, organizar campañas de vacinación; estas últimas inclúen actividades de información e sensibilización comunitaria sobre as vantaxes da inmunización.
Ademais, no ámbito internacional, formamos parte do Grupo Internacional de Coordinación da Provisión de Vacinas para o Control das Epidemias de Meninxites (ICG), que, partindo das análises epidemiolóxicas pertinentes, encárgase de garantir a repartición equitativa das vacinas.
Vacinas contra a meninxite
A MenAfriVac foi administrada a máis de 200 millóns de persoas e permitiu reducir os gromos de meninxite A. Con todo, outras cepas seguen causando epidemias: a W135 e a C son especialmente letais para os nenos e nenas e persoas adultas novas.
A loita contra a meninxite require novas vacinas, máis campañas de inmunización e mellores protocolos de resposta a gromos e sistemas de vixilancia epidemiolóxica.