As vacinas preveñen enfermidades graves que poden ser discapacitantes ou mortais, sobre todo na infancia. A inmunización é unha das intervencións médica en saúde pública máis eficientes en termos de custo e, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), evita cada ano entre dous e tres millóns de mortes.

Mais en moitos países sen recursos ou afectados pola inestabilidade ou a violencia, os plans de inmunización están en crise e en demasiadas ocasións as vacinas non chegan a quen máis as precisa. O exponencial aumento dos prezos nos últimos anos, a falta de adaptación das vacinas á realidade dos países sen recursos e o complicado calendario de inmunización son as principais causas desta situación.

Cada ano, máis de 12 millóns de nenos e nenas quedan sen o paquete básico de vacinas que lles podería protexer, e en total preto de dous millóns de persoas morren como consecuencia de enfermidades que se poderían previr coas vacinas recomendadas pola OMS: DTP (difteria, tétano e tose ferina), hepatite B, Hib (haemophilus influenzae tipo B ), BCG (tuberculose), virus do papiloma humano, sarampelo, pneumococo, poliomielite, rotavirus e febre amarela.

En todo caso, non todas as vacinas se recomendan por igual en todos os países.

Vacinacións de rutina

A vacinación é unha das formas máis eficaces de reducir a mortalidade infantil. Por iso, nos países onde a cobertura de vacinación xeral é baixa, no marco dos nosos programas de atención básica a menores de 5 anos, tentamos levar a cabo vacinacións rutineiras. Podemos realizalas ben desde os postos e centros de saúde, ben a través de equipos móbiles. Nalgúns casos, a poboación vive en zonas tan apartadas que os nosos equipos teñen que se desprazar camiñando. En 2022, realizamos 3.200.400 vacinacións rutineiras.

Vacinacións en epidemias

No caso de que exista o risco dunha epidemia (por exemplo se hai un desprazamento de poboación) ou de que esta xa se declarase, organizamos campañas de vacinación masivas: o obxectivo é vacinar o máximo número de persoas no menor tempo posible, habilitando para iso tódolos puntos de vacinación que poidamos, por exemplo en lugares públicos de reunión.

Estas campañas a gran escala duran de dúas a tres semanas e poden chegar a centos de miles de persoas. Son especialmente vulnerables as poboacións desprazadas, xa que as condicións de masificación ou falta de saneamento en que adoitan atoparse favorecen a aparición de gromos de enfermidades como o sarampelo ou a pneumonía.

En 2022, por exemplo, realizamos 4.124.700 vacinacións contra o sarampelo en resposta a gromos epidémicos.

E precisamente para os previr, demos un paso máis aló e estamos aproveitando cada oportunidade que vemos para completar a cartilla de vacinación infantil. Así por exemplo en Malí ou República Centroafricana, aproveitamos as campañas de quimioprevención da malaria para revisar as cartillas e completalas cos antíxenos que faltan.

Desafíos loxísticos

As vacinas deben conservarse en frío –a entre 2 e 8 ºC– desde o momento en que saen da fábrica ata que se utilizan no punto de vacinación. Aínda que isto non sexa un reto importante nos países ricos, onde a subministración eléctrica está garantida, nos países onde traballamos si que supón un obstáculo considerable, especialmente nas zonas onde se poden acadar facilmentetemperaturas de 40° e que están illadas e carecen de sistemas fiables de electricidade.

Ás dificultades que impón a cadea de frío súmanse a miúdo os problemas de acceso físico –non hai estradas e deben usarse motos, canoas ou burros, ou mesmo cargar ós ombreiros coas neveiras, para chegar ata o último posto de saúde ou a última aldea–, en contextos que ademais poden ser inseguros ou sufrir un conflito armado. Por exemplo, en 2018, en Kidal, no norte de Malí, para vacinar a 10.000 nenos e nenas, tivemos que percorrer un total de 60.000 quilómetros por camiños en pleno deserto, a miúdo a 40 graos de temperatura: nestas condicións, os nosos equipos percorreron o equivalente a 1,5 veces a circunferencia da Terra.

Doutra banda, a gran maioría das vacinas existentes son inxectables, polo que se precisa persoal con formación sanitaria para poder administralas correctamente.

Se queres coñecer máis sobre os desafíos ós que nos enfrontamos nas nosas campañas de vacinación, non deixes de ver o documental'Os camiños da vacina'.

Durante máis de 40 anos, estivemos á vangarda da inmunización en contextos de crises e en gromos epidémicos, e fomos testemuñas directas dos obstáculos que a vacinación presenta. Na actualidade, un dos problemas que máis nos preocupan é o dos prezos. Desde 2001, o custo de vacinar completamente a un neno ou nena multiplicouse por 68, por mor do elevado prezo das novas vacinas (sobre todo as do pneumococo, o rotavirus e o virus do papiloma humano). Por iso, non deixamos de reclamar ás farmacéuticas prezos máis reducidos para as vacinas para todos os países, e non só para as vacinacións rutineiras, senón tamén para as que as organizacións humanitarias desenvolvemos en resposta a emerxencias. Neste sentido, tamén urxe o desenvolvemento de vacinas de administración oral (para reducir a necesidade de persoal sanitario cualificado) e de vacinas que precisen menos doses ou que sexan combinadas (co fin de reducir ó mínimo o número de visitas que o neno ou nena teñen que facer ó centro de saúde).