O sarampelo é unha enfermidade viral moi contaxiosa e, aínda que existe unha vacina que a prevén, segue sendo unha das principais causas de mortalidade infantil e, de facto, está rexurdindo. Aínda que a cobertura global de vacinación mellorou moito, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde, en 2022 rexistráronse 136.000 mortes en todo o mundo, principalmente nenos e nenas menores de 5 anos.
As fendas na vacinación e o rexurdimento dos gromos débense ó declive dos Programas Ampliados de Vacinación e dos sistemas de vixilancia epidemiolóxica (en parte debido á falta de fondos) e á febleza dos sistemas de saúde nos países sen recursos. A isto engádeselle o agravamento dos desprazamentos de poboación por culpa dos conflitos e a violencia.
Como se transmite e que síntomas ten?
O sarampelo está causado por un virus que se transmite a través das pingas da saliva cando tusimos, esbirramos ou temos contacto persoal próximo. Os síntomas, que aparecen entre 8 e 13 días despois da exposición ó virus, son rinorrea, tose, infección ocular, erupción cutánea e febre alta.
Os casos graves son máis frecuentes en nenos e nenas pequenos desnutridos, especialmente se teñen insuficiencia de vitamina A ou o seu sistema inmunolóxico foi debilitado polo VIH ou outras afeccións.
É unha enfermidade que pode complicarse facilmente, con infeccións de oído, cegueira, pneumonía, diarrea severa e deshidratación, desnutrición ou encefalite (inflamación do cerebro), que son máis comúns en menores de 5 anos ou en persoas adultas maiores de 20. En caso de epidemia, en poboacións con elevados niveis de desnutrición e falta de atención axeitada, até unha de cada 10 persoas doentes pode morrer e, na maioría dos casos, será debido a algunha destas complicacións.
Como se diagnostica e como se trata?
A diagnose é esencialmente clínica, mais tamén pode confirmarse con probas serolóxicas, algo imprescindible para determinar se se declarou unha epidemia.
En canto ó tratamento, non existe un específico: deben tratarse os síntomas e previr as complicacións, todo iso en contornos de illamento para frear a propagación. Adminístranse suplementos de vitamina A (reducen a mortalidade á metade) e tratamento para as complicacións oculares, a estomatite (unha infección vírica bucal), a deshidratación, as deficiencias proteicas e as infeccións das vías respiratorias. A maioría dos enfermos recupéranse en dúas ou tres semanas, aínda que na fase de convalecencia teñen un risco maior de padecer outras afeccións como desnutrición ou infeccións respiratorias.
Como se prevén?
Existe unha vacina segura e barata contra o sarampelo considerada un dos maiores avances en saúde pública das derradeiras décadas. Antes de que se implantase globalmente nos anos 80 do século XX, o sarampelo mataba a máis de 2,5 millóns de persoas cada ano. A OMS considera que, entre 2000 e 2022, as vacinacións salvaron 57 millóns de vidas.
Porén, a cobertura segue sendo insuficiente en países cun sistema sanitario feble ou nos que na poboación ten dificultades para conseguir atención médica, e isto deixa a amplos grupos expostos á enfermidade. Na maior parte dos países onde traballamos, o calendario de vacinación só inclúe unha dose contra o sarampelo; con esta única dose, só o 85% dos nenos e nenas están protexidos. Para aumentar esta porcentaxe ó 99%, é precisa unha segunda dose, que moi poucos países incluíron simplemente por razóns económicas.
MSF e o sarampelo
Todos os anos, os nosos equipos poñen centos de miles de vacinas contra o sarampelo, tanto en epidemias como no marco de programas rutineiros, así como en resposta a crises humanitarias, por exemplo despois dun desprazamento de poboación ou un terremoto. En ambos os casos, poñemos en marcha unha complexa cadea loxística, o obxectivo é que as vacinas cheguen ós postos de vacinación, por moi apartados que estean, sempre conservadas dentro da cadea de frío.
Doutra banda, tamén asumimos o tratamento,co fin de reducir a mortalidade e frear o contaxio: tratamos os casos simples en ambulatorio e hospitalizamos os casos graves, illando ós afectados do resto de pacientes. Ademais, asegurámonos de que a atención estea descentralizada, para achegala o máximo posible a tódolos grupos de poboación afectados. Así mesmo, organizamos sistemas de ambulancias e derivación para os casos graves.
Os nosos equipos tamén se encargan davixilancia epidemiolóxica (para coñecer a evolución do gromo) e das actividades de información e sensibilización da comunidade.
En 2022, MSF realizamos máis de 4,1 millóns de vacinacións contra o sarampelo en resposta a gromos epidémicos.