Médicos Sen Fronteiras (MSF) promovemos un ámbito de traballo libre de acoso e abuso. A dirección da nosa organización comprometeuse inequivocamente a combater o abuso e reforzar os mecanismos e procedementos para previlo e xestionalo.

Todo o persoal debe cumprir cos Compromisos de Comportamento de MSF e os nosos principios reitores estipulados na nosa Carta Magna.

A integridade da nosa organización susténtase na boa conduta de cada unha das persoas que conforman o noso persoal, en calquera lugar e con pleno respecto polas comunidades para as que traballamos. Para a nosa organización, isto significa non tolerar ningún comportamento do noso persoal que explote a vulnerabilidade doutras persoas, nin que os integrantes dos nosos equipos aproveiten a súa posición para obter beneficios persoais.

 

Mecanismos de reclamación

Existen mecanismos, que inclúen procedementos de queixa, para fomentar a prevención, detección, notificación e xestión de calquera tipo de mala conduta, acoso e abuso. A través destes mecanismos, aléntase a todas as persoas que traballan para MSF a que informen de comportamentos inadecuados ou abusos, xa sexa a través dos seus responsables ou mediante canles de información específicas que funcionan á marxe de calquera liña xerárquica e con direccións de correo electrónico habilitadas para tal fin. Así mesmo, MSF tamén alentamos ás persoas que sufran un comportamento inadecuado ou presencien condutas indebidas nas comunidades onde traballan a que o notifiquen para que as reclamacións se poidan abordar de forma adecuada.

MSF levamos a cabo amplas actividades de sensibilización para informar a todo o noso persoal sobre os mecanismos dispoñibles para denunciar condutas inadecuadas. Esta información compártese a través de comunicacións específicas, que inclúen manuais impresos para o persoal, e transmítese en sesións informativas, visitas ós proxecto e formacións. Ademais, as sesións informativas en liña e os módulos de formación relacionados co comportamento e a xestión do abuso actualízanse e mellóranse periodicamente.

Nos últimos años, tomáronse unha serie de medidas nesta área, como por exemplo:

  • Creación de novos postos e incremento do apoio ó persoal para proporcionar formación, visitas a proxectos e investigación deste tema.
  • Realización de talleres e outras formas de consulta co persoal para avaliar o problema e os pasos necesarios para abordalo.
  • Revisión, promoción e fortalecemento da orientación brindada ó persoal sobre como denunciar o acoso, o abuso ou a explotación.
  • Reforzo da sensibilización das e dos pacientes e as comunidades onde temos operacións.
  • Mellora da recompilación e o intercambio de datos en MSF.
     

Xestión confidencial de casos

O noso obxectivo é garantir que estas situacións se aborden coa máxima confidencialidade, xa que isto resulta crucial para crear un ambiente no que as persoas sintan que poden presentar queixas de forma segura, sen temer polo seu posto de traballo, a súa seguridade ou a confidencialidade da súa queixa.

A nosa prioridade cando se informa dun caso de mala conduta é a seguridade e a saúde das persoas que potencialmente sufriron un comportamento inadecuado. Por iso, préstaselles atención inmediata e apoio. Esta asistencia pode incluír desde atención psicolóxica e médica a asistencia legal.

MSF sempre respectamos a decisión que tome a persoa que estivo exposta ó abuso, en canto a se desexa trasladar ou non o asunto ante a xustiza. En caso de ter coñecemento de abusos sexuais contra menores, a nosa política é informar do caso ás autoridades xudiciais sempre que se considere que esta medida resulta a máis adecuada para os intereses do neno ou a nena e dependendo á súa vez da dispoñibilidade dos devanditos procedementos xudiciais.

Actualización de 2023

Publicado o 15 de xullo de 2024

 

En 2023, máis de 69.000 persoas traballaron para Médicos Sen Fronteiras en todo o mundo. Durante ese ano, rexistramos un total de 823 queixas sobre abusos ou comportamentos inadecuados na nosa organización. Desta cifra, 714 estaban relacionadas cos nosos proxectos médicos e humanitarios, e 109 coas nosas oficinas centrais internacionais. Trala investigación, confirmouse que 300 destas queixas eran casos de abuso ou conduta inadecuada, e algunhas delas seguían sendo investigadas a finais de 2023. Nos parágrafos seguintes desagréganse por separado os datos dos casos relativos ós proxectos e ás sedes, xa que non son necesariamente comparables en termos de procesos legais e de presentación de informes.

O número total de queixas recibidas relacionadas cos nosos proxectos médicos e humanitarios aumentou un 18% en 2023 (714 queixas), en comparación con 2022 (606 queixas). As queixas recibidas nas nosas oficinas centrais internacionais en 2023 (109 queixas) aumentaron un 22% en comparación con 2022 (89 queixas). MSF seguimos preocupados pola falta de denuncias de abusos e condutas inapropiadas dada a amplitude das nosas actividades e o alcance da nosa pegada operativa, especialmente por parte das e dos pacientes, os seus coidadores, coidadoras e cos membros da comunidade nas zonas onde traballamos.

Queixas recibidas relacionadas cos nosos proxectos médicos e humanitarios en 2023:

  • Preto do 89% do noso persoal (69.100 persoas en total) en 2023 traballaban en proxectos de MSF. Presentáronse un total de 714 queixas sobre o comportamento do persoal nestes proxectos, fronte ás 606 de 2022.
  • Logo de investigalas, confirmouse que 264 desas queixas eran casos de abusos ou de comportamento inadecuado (204 en 2022), e algúns casos seguían investigándose a finais de ano.
  • Isto inclúe 187 casos que se confirmaron como abuso, en comparación con 121 casos confirmados de abuso en 2022 (isto inclúe diferentes formas de abuso: explotación sexual, abuso e acoso [SEAH]; abuso de poder; acoso e intimidación; discriminación; explotación; agresión; abuso do proceso de xestión de casos, incluídas represalias, denuncias falsas, interferencia nun caso e violación da confidencialidade).
  • Un total de 85 membros do persoal foron despedidos por diferentes tipos de abuso en 2023 (52 despidos en 2022). Dependendo da gravidade do caso, tamén se impuxeron outros tipos de sancións, como suspensión, descenso de categoría, amoestación formal por escrito ou formación obrigatoria.
  • Dos 187 casos de abuso confirmados, 85 foron casos de SEAH, fronte a 67 en 2022. Corenta e cinco (45) membros do persoal foron despedidos sobre a base das conclusións das investigacións relacionadas con eses casos de SEAH en 2023 (35 en 2022), sinalando que comportamentos como o acoso sexual abarcan unha serie de condutas.
  • Os demais casos confirmados de abuso incluían casos de acoso ou intimidación (31 casos confirmados); abuso de poder (30 casos confirmados); agresión (23 casos confirmados); explotación (13 casos confirmados); discriminación (9 casos confirmados); e abuso do proceso de xestión de casos (4 casos confirmados).
  • Tamén se detectaron 77 casos de comportamento inadecuado (83 en 2022). Por comportamento inadecuado enténdense condutas que non chegan a constituír as formas de abuso descritas anteriormente, pero que non se axustan ás normas de comportamento de MSF. Isto inclúe, pero non se limita á mala xestión das persoas; as relacións inadecuadas; o comportamento inadecuado que non se axusta ás normas sociais ou que afecta á cohesión do equipo; a comunicación inadecuada; e o (mal) consumo de substancias.

O número de queixas presentadas por grupos anteriormente infrarrepresentados, como o persoal contratado localmente, seguiu aumentando, aínda que queda moito por mellorar, especialmente entre as e os pacientes e os membros da comunidade.

O número total de queixas presentadas por pacientes e os seus coidadores e coidadoras foi de 33 en 2023, e de 36 por membros da comunidade (que tamén poden incluír pacientes e outras persoas da comunidade coas que se atopa o persoal de MSF) para un total de 69 (67 en 2022). Tamén houbo 24 queixas presentadas por "outras" partes externas, categoría que inclúe a provedores, medios de comunicación, outras organizacións, socios, ex persoal de MSF e persoal non contratado por MSF.

Segue sendo preocupante que o número de reclamacións de pacientes, coidadores, coidadoras e membros da comunidade siga sendo tan baixo. É necesario redobrar os esforzos para chegar ós pacientes e ós membros da comunidade, concienciándoos dos seus dereitos e das normas de comportamento que MSF espera deles, e para garantir que dispoñen de mecanismos de queixa accesibles e adecuados para esixir responsabilidades a MSF por calquera abuso ou comportamento inadecuado.

O número total de queixas presentadas por persoal contratado localmente aumentou de 232 en 2022 a 328 en 2023. É necesario continuar os esforzos para alentar e apoiar a este persoal para denunciar, xa que o persoal contratado localmente representa ó redor do 78% de todos os traballadores e traballadoras de MSF, pero é responsable de soamente o 58% das queixas presentadas polo persoal da organización.

Ó revisar todas as queixas, tanto do persoal de MSF como de persoas alleas á organización, obsérvase que o número de queixas por discriminación é relativamente baixo, a pesar dos esforzos de todo o movemento por combatela. En 2023 recibíronse un total de 45 queixas relacionadas coa discriminación, o que supón un lixeiro aumento con respecto ás 40 de 2022. Isto suxire que son necesarios esforzos continuos e sostidos en materia de diversidade e inclusión, para garantir que as persoas afectadas por actos de discriminación en calquera das súas formas, denuncien.

 

Denuncias das nosas oficinas en todo o mundo

Desde 2020, MSF tamén recompilamos as queixas das nosas oficinas en todo o mundo, ademais dos datos recollidos dos nosos proxectos médicos. O 11% do total do noso cadro de persoal traballa nestas oficinas internacionais.

Aínda que se fixeron esforzos por estandarizar os informes, estes datos están relacionados con moitos procesos legais e de recursos humanos diferentes, polo que é posible que aínda non estean totalmente harmonizados.

De todas as sedes, en 2023 recibíronse 109 denuncias (fronte ás 89 de 2022).

Delas, en 36 casos confirmouse que se trataba de abusos ou condutas inadecuadas (e 11 denuncias seguían investigándose a finais de ano, tendo en conta que algunhas das denuncias presentadas non eran por abuso). Houbo 34 casos relacionados con abusos e 21 con comportamentos inadecuados. 1 En comparación, en 2022 confirmáronse 38 casos de abusos e 30 de comportamentos inadecuados.

En total, 13 membros do persoal foron sancionados (desde adestramento até advertencias verbais ou escritas) e 15 membros do persoal foron despedidos por abuso en 2023.

***

Conseguir e manter un ambiente de traballo libre de abusos e acoso é un esforzo continuo, do que todos e todas somos responsables. Tamén nos comprometemos a non facer dano ás persoas coas que traballamos e a render contas ante elas.

Seguimos instando ó persoal, ós pacientes ou a calquera outra persoa que entre en contacto con MSF a que denuncien calquera incidente de abuso ou comportamento inapropiado.

 

1 Nota: nalgúns casos atopáronse elementos de diferentes tipos de abuso e comportamento inadecuado, polo que os totais poden non coincidir.

 

Preme aquí para ver as cifras de 2022   

Preme aquí para ver as cifras de 2021   

Preme aquí para ver as cifras de 2020 

Preme aquí para ver as cifras de 2019   

Preme aquí para ver as cifras de 2018