A febre amarela é unha enfermidade vírica, considerada hemorráxica, transmitida por un mosquito. A finais do século XIX e principios do XX, esta enfermidade fixo estragos en moitas rexións do planeta. Mais tralo desenvolvemento da vacina, lanzáronse campañas masivas de inmunización e as epidemias diminuíron considerablemente. Porén, a finais do século XX, por múltiples causas –incluíndo debilidade dos programas de inmunización– a febre amarela volveu a repuntar.

Na actualidade, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é endémica en parte ou na totalidade dos territorios de 34 países africanos e outros 13 latinoamericanos. As cifras de afectados son estimacións e as máis recentes son de 2013: en todo o mundo, entre 84.000 e 170.000 persoas enferman gravemente tódolos anos e entre 29.000 y 60.000 morren.

En 2023, en 34 países de África e 13 de América Central e do Sur, a enfermidade é endémica en todo o país ou nalgunhas rexións

Como se transmite e que síntomas ten?

O virus da febre amarela transmítese polo mosquito Aedes. O período de incubación dura entre tres días e unha semana, e ó finalizar o mesmo a maioría das persoas non desenvolven síntomas ou estes son leves: son similares ós da gripe (febre, dor de cabeza ou muscular etc.) e desaparecen ós poucos días. Cando a afección é leve, a enfermidade remite; porén, o 20% dos casos, logo dunha aparente mellora, evolucionan a unha fase moi grave. A febre reactívase e o fígado vese afectado. Nesta segunda fase, poden aparecer a ictericia (de aí o nome da enfermidade), unha forte dor abdominal, trastornos renais, vómitos, convulsións e ás veces hemorraxias. Nesta segunda fase, a taxa de letalidade pode ser alta: entre o 25% e o 60% dos casos.

Como se diagnostica e como se trata?

A febre amarela é difícil de diagnosticar. Na fase temperá da enfermidade, o virus pode ser detectado con análise de sangue, mentres que, nas fases máis avanzadas, son necesarias probas para detectar a presenza de anticorpos.

Non existe un tratamento específico contra o virus da febre amarela, polo que a enfermidade combátese mediante o tratamento de apoio ou de soporte: axúdase a superar a enfermidade combatendo a deshidratación e as hemorraxias, respondendo os fallos do fígado e os riles, e tratando síntomas como a febre, a dor e os vómitos.

Como se prevén?

Ó non ter tratamento, a prevención é a mellor defensa contra a enfermidade. Existe unha vacina contra a febre amarela desde os anos 30 do século pasado, que ademais non é demasiado cara e é moi eficaz: ó cabo dun mes, unha dose única proporciona protección para sempre en case o 100% dos casos.

Con todo, producir esta vacina é un proceso complexo e bastante longo; ademais, ó flutuar tanto a demanda, non hai unha produción a gran escala. En 2016, por exemplo, millóns de persoas foron vacinadas en Angola e na República Democrática do Congo por mor do gromo declarado a finais de 2015, e isto someteu a considerables presións á limitada reserva mundial de vacinas: dada a súa escaseza, por primeira vez houbo que recorrer a vacinar con só unha fracción da dose.

O control vectorial tamén é importante; trátase de acabar co mosquito e as súas larvas, e para iso deben eliminarse as augas estancadas (un recipiente abandonado no que se acumule a auga é un criadeiro natural) e fumigar tanto os criadeiros como as vivendas. A distribución de mosquiteiros é outra medida eficaz para previr a picada do mosquito.

MSF e a febre amarela

A febre amarela é unha das enfermidades coas que os nosos equipos se atopan a miúdo nos proxectos. A resposta de MSF a un gromo de febre amarela consiste por unha banda na atención ás persoas enfermas, que deben ser identificados e as súas camas protexidas con mosquiteiros; os casos leves habitualmente só necesitarán antipiréticos para a febre, mentres que os casos moderados ou graves poden requirir rehidratación, drenaxe nasogástrico, antibióticos para infeccións oportunistas e outras medidas de apoio como a diálise se é necesario e posible.

Ó mesmo tempo son precisas medidas de contención e prevención, como a vacinación, o control vectorial e a promoción da saúde para informar e sensibilizar ás comunidades afectadas. No caso da vacinación, cando se detecta un gromo, analízanse as posibilidades de transmisión, que dependen de factores como as características epidemiolóxicas da rexión, o grao de inmunidade natural da poboación ou a densidade de mosquitos; desta análise dependerá a amplitude da vacinación.

Por exemplo, nunha situación de gromo epidémico, será vacinada toda a poboación que viva ou traballe na mesma zona que os casos xa identificados. Unha vacinación masiva coma esta representa a mobilización de moitísimos equipos e centos de persoas, como foi o caso da campaña lanzada en Angola e República Democrática do Congo a principios de 2016, en colaboración cos Ministerios de Saúde de ámbolos dous os países e da OMS.

En 2016, os nosos equipos chegaron a vacinar a 1.167.600 persoas contra a febre amarela en resposta a gromos epidémicos. O máis grave produciuse na República Democrática do Congo e en realidade xa comezara en Angola. As necesidades loxísticas e organizativas foron enormes: 100 equipos de 16 persoas cada un (de 20 nacionalidades diferentes) e unha flotilla de 65 vehículos cargados con 4.000 acumuladores de xeo e caixas. Foron vacinadas un millón de persoas, cuns 1.000 casos confirmados e outros 7.300 sospeitosos entre os dous países.

Este gromo puxo de manifesto a fraxilidade da subministración internacional de vacinas. Con seis millóns de doses dispoñibles en todo o mundo e unha capacidade de fabricación de só tres millóns ó mes, a urxente necesidade de vacinar a máis de 10 millóns de persoas en RDC obrigou á Organización Mundial da Saúde a buscar unha solución: que se administrase unha fracción da dose normal, para dar suficiente protección ata o final do gromo e chegar a máis persoas.

En 2022 vacinamos contra a febre amarela a 542.150 persoas en resposta a un gromo.

O futuro

No futuro, o risco de epidemias de febre amarela seguirá sendo alto, non só debido á debilidade dos programas de vacinación, senón tamén a factores relacionados coa demografía: aumento de poboación nas zonas endémicas, crecemento da urbanización na periferia de grandes cidades en condicións deficientes de auga e saneamento e incremento dos movementos poboacionais grazas á mellora dos medios de transporte.

Estas cuestións son de gran relevancia para unha organización coma a nosa, que traballa a miúdo en zonas endémicas, con baixas taxas de cobertura de vacinación e desprazamentos de poboación non inmune.