Os fenómenos naturais de gran magnitude,cando se producen preto de zonas habitadas, adoitan provocar terribles perdas humanas e materiais: falamos de terremotos, furacáns, tsunamis, asolagamentos ou corrementos de terra, entre outros.

Os seus efectos son especialmente graves cando non hai sistemas de alerta temperá que permitan que a poboación se prepare ou protexa, nin tampouco recursos apropiados para responder ás necesidades que provocan. En cuestión de minutos, unha catástrofe deste tipo pode matar, ferir ou afectar a miles de persoas, destruír cidades enteiras e medios de vida (cultivos, gandos, pesqueiras etc.) e inutilizar infraestruturas de transporte, comunicación, electricidade, auga, saneamento e atención médica.

Nos últimos anos, aumentou o balance de persoas feridas que provocan os desastres naturais, sen dúbida debido á crecente urbanización da poboación mundial e ás deficientes condicións en que esta se leva a cabo en países sen recursos (construcións de mala calidade, infraestruturas de auga e saneamento insuficientes etc.).

En desastres naturais, a inmediatez da resposta médico-humanitaria é crucial para salvar o máximo de vidas posible.

Cales son as prioridades médicas?

Non todos os desastres naturais provocan as mesmas consecuencias, polo que o primeiro paso na resposta dunha organización como a nosa é avaliar as necesidades co fin de que a asistencia sexa axeitada e pertinente. Pode ocorrer que moitas persoas resultasen feridas e o sistema de saúde local non poida atendelas, como ocorreu tralo terremoto de Haití de 2010; naquela crise, a atención médica que achegamos centrouse na estabilización, a cirurxía e a atención postoperatoria. Todo isto debe realizarse coa máxima urxencia co fin de evitar complicacións se as feridas se infectan. Nunha segunda fase, debe darse atención ortopédica e de rehabilitación para asegurar a plena recuperación das e dos pacientes.

No caso de persoas que fosen rescatadas dos entullos, ademais de politraumatismo, poden sufrir síndrome de esmagamento: é unha insuficiencia renal aguda provocada pola acumulación no sangue de toxinas procedentes dos tecidos e músculos danados. Os riles non son capaces de eliminalas todas e requírese unha diálise urxente, xa que esta doenza é mortal se non se trata.

Ademais, se o sistema de saúde quedou gravemente danado ou está saturado polo fluxo de pacientes, deben poñerse en marcha servizos obstétricos, co fin de atender ás mulleres embarazadas ou parturientes.

Doutra banda, contrariamente ó que se pensa, non existe risco de epidemias debido á presenza de cadáveres, xa que estas persoas morreron como consecuencia do desastre e non por unha enfermidade infecciosa. É importante, no entanto, asegurar o enterramento dos corpos para non traumatizar aínda máis a unha poboación xa moi afectada (MSF non realiza este tipo de tarefas, co fin de poder concentrarse na atención médica.

Si que poden darse enfermidades relacionadas coa mala calidade da auga se as condicións seguen deteriorándose. Por iso sempre é urxente a distribución de auga potable, por unha banda para evitar deshidratacións e, por outra, para evitar que a xente acabe bebendo auga contaminada e contraia enfermidades diarreicas, ás que os nenos e nenas son moi vulnerables.

A distribución de artigos de primeira necesidade é esencial para asegurar boas condicións de hixiene e abrigo nos lugares de refuxio, xa que a masificación, a falta de aseo ou a exposición ó frío facilitan a aparición de enfermidades. Por exemplo, poden darse gromos de sarampelo, pneumonía ou cólera.

Finalmente, a experiencia en desastres naturais como o tsunami de 2004 no sueste asiático ou o terremoto de Haití en 2010 ensinounos que a resposta ás necesidades de saúde mental tamén é esencial dentro da resposta de urxencia: é a mellor forma de previr consecuencias a longo prazo. Nestas crises, a miúdo chegan ós centros de saúde persoas con dor de cabeza, de costas ou con dificultades respiratorias, síntomas que a miúdo se relacionan co estrés que sufriron; os nosos equipos proporciónanlles apoio psicolóxico.

Cales son as prioridades loxísticas?

Dado que a resposta a un desastre natural debe ser inmediata se quere salvar vidas, o envío de material médico vital é unha prioridade para nós. Unha vez na zona afectada, é necesario identificar estruturas sanitarias nas que poder traballar e, de non ser posible, instalar hospitais e dispensarios o antes posible (mediante estruturas temporais, como tendas de campaña, estruturas inchables ou contedores prefabricados).

Todo iso require a mobilización dunha importante cadea loxística, que comeza nos nosos centros de aprovisionamento en Europa, onde todos os materiais necesarios para este tipo de intervencións están xa preparados para o seu envío. Tes máis información sobre a nosa loxística aquí.

MSF e os desastres naturais

Entre os acontecementos que desembocaron en no nacemento de MSF, atópanse dous desastres naturais acaecidos en 1970: o terremoto de Perú e as inundacións en Paquistán Oriental (actual Bangladesh). En ambas as catástrofes, púxose de manifesto que a resposta internacional requiría unha maior profesionalización e adaptación a este tipo de crises, e en especial unha intervención médica inmediata.

Desde entón, respondemos a numerosos desastres naturais, tentando mellorar a eficacia da nosa resposta: os terremotos de Nicaragua (1972), O Salvador, India e Perú (todos en 2001, e en Perú de novo en 2007), Armenia (1988), Irán (2003), Chile (2010), Xapón (2011, seguido dun tsunami) ou Nepal (2015); os furacáns Mitch (Centroamérica, 1998), Nargis (Myanmar, 2008), Gustav (Haití, 2008), Haiyan (Filipinas, 2013), Matthew (de novo en Haití, en 2016) e Idai (en Mozambique, Malawi e Zimbabwe en 2019); as inundacións de Mozambique (2000) ou Paquistán (2010); ou o tsunami de 2004 no sueste asiático.

Mención á parte merecen os terremotos de Paquistán (2005), o primeiro no que os nosos equipos se enfrontaron a unha inxente cantidade de feridos politraumatizados, nunha zona de moi difícil acceso; e Haití (2010), cuxo brutal impacto en Porto Príncipe e os seus arredores (incluíndo a terrible epidemia de cólera que seguiu) levounos a lanzar a operación de asistencia máis importante da nosa historia.