Segundo a Organización Mundial da Saúde, preto de 800 mulleres morren cada día por complicacións relacionadas co embarazo e o parto. A meirande parte destas mulleres vivían de renda baixa e renda media baixa e non recibiron a atención que precisaban.

As principais causas de mortalidade materna, responsables de até case o 75% de tódalas mortes, son as hemorraxias posparto, as infeccións, a alta presión sanguínea e as complicacións derivadas de abortos non seguros.

En 2000 e dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, a comunidade internacional comprometeuse a reducir a taxa de mortalidade materna* nun 75% para 2015 en relación con 1990. Mais, nos derradeiros 25 anos, a taxa só reduciu nun 44%. Na maioría de contextos onde traballamos, moitas mulleres seguen morrendo por causas que se poden previr e os problemas relacionados coa saúde reprodutiva son a principal causa de morte na idade fértil.

Ter acceso a servizos de saúde reprodutiva non só prevén mortes senón tamén discapacidades permanentes, por exemplo as fístulas obstétricas debidas a partos prolongados. Nos nosos proxectos demostramos que as intervencións con métodos sinxelos e económicos, levadas a cabo por persoal de saúde capacitado, poden salvar a vida de moitas mulleres.

Que é a saúde reprodutiva?

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a saúde reprodutiva é o estado de completo benestar físico, mental e social, nos aspectos relativos á sexualidade e a reprodución en todas as etapas da vida. Implica que as persoas poidan ter unha vida sexual segura e satisfactoria, a capacidade de ter descendencia e a liberdade de decidir se os queren ter, cando e con que frecuencia. Tanto o home como a muller teñen dereito a estar informados e ter acceso a métodos de regulación da fertilidade seguros, eficaces e accesibles, así como a dispoñer de servizos accesibles de planificación familiar e saúde pública que permitan a axeitada asistencia profesional ás mulleres embarazadas e aseguren que o parto se produza de forma segura e garanta o nacemento de fillas sas e sen discapacidade algunha.

Adaptar os servizos ás necesidades

O obxectivo dos servizos de saúde sexual e reprodutiva é reducir a morbilidade e mortalidade materna mediante o aumento da dispoñibilidade de servizos de calidade e do acceso ós mesmos.

As mulleres, especialmente aquelas que viven en países de renda baixa e renda media baixa, sofren de forma desproporcionada complicacións durante o embarazo e o parto, embarazos non desexados, enfermidades de transmisión sexual (incluíndo VIH), violencia sexual e de xénero e outros problemas relacionados coa saúde reprodutiva. A carga que supón un estado de saúde feble é aínda maior entre certos grupos de mulleres como as refuxiadas, as migrantes e as traballadoras do sexo. Desta maneira, as estratexias para ofrecer servizos a estas poboacións deben estar adaptadas ás súas necesidades.

A aceptación e o acceso ós servizos melloran se son de balde, sensibles á cultura local e se se ofrecen xunto a mensaxes de promoción da saúde, involucrando á comunidade na toma de decisións. Así mesmo, é importante salientar a responsabilidade compartida cos homes e promocionar a súa participación na saúde sexual e reprodutiva, así como introducir servizos adaptados ás adolescentes xa que teñen necesidades médicas específicas neste ámbito.

Atención integral ás mulleres

Nos nosos programas de saúde sexual e reprodutiva incluímos varios compoñentes:

  • Asistencia obstétrica e neonatal de urxencia (partos, cesáreas, transfusión sanguínea etc.) que inclúe: atención ás principais complicacións obstétricas relacionadas coa mortalidade materna, asistencia ás complicacións derivadas dun aborto non seguro e acceso a un aborto seguro.
  • Servizos preventivos de atención prenatal, posnatal e planificación familiar.
  • Asistencia a superviventes de violencia sexual. Nestes casos, administramos contraceptivos de urxencia, profilaxe antirretroviral para reducir o risco de transmisión do VIH/sida e antibióticos para previr outras infeccións de transmisión sexual. Tamén lles ofrecemos apoio psicosocial.
  • Prevención datransmisión maternoinfantil da infección por VIH.
  • Prevención e tratamento da fístula obstétrica.
  • Atención ás consecuencias da mutilación xenital feminina.
  • Detección e tratamento de enfermidades de transmisión sexual.

 

MSF e a saúde reprodutiva

Debido ó gran impacto dos coidados obstétricos na supervivencia de mulleres e bebés, os nosos equipos priorizan os servizos e actividades relacionados co coidado obstétrico de urxencia, que atalla as principais causas de mortalidade.

En 2022, nos nosos proxectos en todo o mundo atendemos 295.300 partos incluíndo cesáreas. Tamén atendemos a 39.900 superviventes de violencia sexual.

* A proporción de nais que non sobreviven ó parto en comparación coas que o fan.

Cando falamos de saúde sexual e reprodutiva, “acceso” é unha palabra clave. As mulleres deben ter acceso a unha boa asistencia durante o parto e as súas posibles complicacións para poder reducir a mortalidade materna, sobre todo en contextos como conflitos armados ou desastres naturais. Este acceso pódese mellorar con innovacións nos sistemas de referencia e, en lugares pouco accesibles, establecendo espazos onde as mulleres poden instalarse á espera de dar a luz.

Doutra banda, as superviventes de violencia sexual deben recibir asistencia médica rapidamente para atallar as posibles consecuencias da agresión. Tamén debe mellorar o acceso á prevención da transmisión do VIH maternoinfanti, a servizos de planificación familiar e a coidados posparto e posaborto.