Segundo a Organización Mundial da Saúde, en 2018 morreron 5,3 millónsde menores de 5 anos no mundo, principalmente debido ás complicacións no embarazo ou o parto, as infeccións respiratorias agudas, as anomalías conxénitas e a diarrea.
Malia a importante diminución das mortes infantís –7 millóns menos en 2017 respecto a 1990–, avanzouse moi pouco na redución da mortalidade neonatal, é dicir durante o primeiro mes do vida: case a metade das mortes de menores de 5 anos danse neste período. A partir do primeiro mes de vida e até os 5 anos, as ameazas máis importantes son as infeccións; as principais son a pneumonía, a diarrea e a malaria.
-
© MSF
Atendemos á poboación máis vulnerable
As nosas consultas e salas de hospitalización están cheas de nenos e nenas: dous terzos dos nosos pacientes son pediátricos.
Segundo o contexto, definimos o grupo de idade ó que nos diriximos. Na maioría dos nosos proxectos en África, temos intervencións dirixidas a menores de 2 anos, o grupo máis vulnerable neste contexto. En Oriente Próximo, cada vez temos máis adolescentes nas nosas consultas. Tamén en América Latina, onde traballamos en contextos de violencia en México e Colombia, vemos cada vez máis adolescentes entre os nosos pacientes.
Neonatoloxía: que coidados proporcionamos?
Os bebés neonatos son máis vulnerables e por iso precisan maior atención. A maior parte dos falecementos prodúcense durante a primeira semana de vida e case o 80% das mortes prenatais prodúcense debido a tres causas: complicacións debidas ó nacemento prematuro, asfixia e infeccións.
Nos nosos proxectos desenvolvemos accións específicas para abordar estes tres problemas. Por exemplo, limpar o cordón do embigo con clorexidina para evitar infeccións, administrar esteroides ós bebés prematuros ou impartir formacións sobre reanimación ó cadro de persoal dos Ministerios de Saúde. Temos comprobado que, con paquetes preventivos e curativos simples, podemos diminuír drasticamente a taxa de mortalidade neonatal.
-
© Oriane Zerah
A atención pediátrica comeza coa nai
Entre o primeiro mes e os 5 anos de idade, a maioría das mortes prodúcense antes dos 2 anos. Por iso é importante centrar as intervencións nos primeiros 1.000 días de vida: desde a concepción ata os 24 meses. Ademais, a probabilidade de supervivencia redúcese moito cando a nai falece no parto, e se é o bebé quen non o consegue, o máis probable é que a nai volva quedar embarazada demasiado pronto, cos riscos que iso supón.
Dentro da atención preventiva, unha das actividades máis eficaces é a vacinación, porque prevén enfermidades graves que poden ser incapacitantes ou mortais, como a difteria, o tétano, a tose ferina, a hepatite B, o sarampelo, a pneumonía, a poliomielite ou o rotavirus. Así mesmo, traballamos para previr a desnutrición (máis da metade das mortes de menores de 5 anos débense a causas relacionadas con esta enfermidade) e a transmisión do VIH maternoinfantil.
Servizos específicos para adolecentes
En moitos dos nosos proxectos de saúde sexual e reprodutiva, atendemos a cada vez máis adolescentes, polo que traballamos para dar servizos específicos a este grupo de idade, incluíndo planificación familiar e atención á violencia sexual. Do mesmo xeito, estamos adaptando as nosas intervencións en saúde mental e VIH para dar un servizo máis axeitado a esta franxa de idade.
Saúde infantil
Os nenos e nenas non son adultos en pequeno: requiren coidados particulares propios da súa idade. En moitos casos, atopámonos con graves carencias nos métodos de diagnose e os medicamentos infantís, así como na maioría da tecnoloxía necesaria para tratalos. Por exemplo, non existen equipos de vixilancia adaptados ó uso pediátrico.
Outro reto importante é a falta de recursos humanos capacitados na maioría dos contextos onde traballamos e a falta de guías, documentación ou formación que poderían suplir en parte esta carencia de persoal.