O mundo cumpriu outro triste récord, o das persoas desprazadas e refuxiadas: acadamos a cifra máis alta desde a Segunda Guerra Mundial. Segundo o Alto Comisionado da ONU para as persoas Refuxiadas preto de 110 millóns de persoas vivían desprazadas á forza a finais de 2022, expulsadas dos seus fogares pola violencia e a guerra: algunhas son desprazadas internas, dentro do seu propio país, e outras cruzaron as fronteiras para converterse en refuxiadas.

As poboacións desprazadas están sometidas a constantes abusos e habitualmente tampouco teñen cubertas as súas necesidades máis básicas, en especial de atención médica, acubillo, alimentación, auga e saneamento.

Na actualidade existen ademais grandes movementos de poboación motivados polas necesidades extremas e a miseria, ó longo de rutas migratorias a miúdo perigosas e marcadas pola explotación e a violencia. Tamén atendemos a estas persoas e priorizamos as intervencións en fluxos migratorios onde a combinación de tráfico de seres humanos e violencia provoque elevados niveis de vulnerabilidade e sufrimento, e onde as sobreviventes de abusos non estean recibindo suficiente atención.

Como intervimos?

As poboacións sobreviventes de desprazamento, debido á súa situación de extrema vulnerabilidade, son prioritarias para nós, e en particular naquelas crises onde as necesidades son máis urxentes e onde non hai outras organizacións traballando ou non as suficientes. Os nosos equipos traballan para diminuír a mortalidade, a morbilidade e o sufrimento humano que provoca o movemento repentino dunha poboación que foxe cunha man diante e outra detrás: poden ser persoas feridas ou esgotadas polos longos traxectos, enfermas ou desnutridas.

A nosa asistencia médica é integral, e pon especial énfase na atención a menores de idade e a mulleres (por exemplo con servizos de obstetricia de urxencia). Desenvolvemos paquetes específicos para sobreviventes de violencia sexual e tamén ofrecemos atención á saúde mental como compoñente esencial da nosa asistencia. Esta atención préstase desde centros de saúde, dispensarios, hospitais e, en caso de poboacións dispersas, illadas ou escondidas, mediante clínicas móbiles.

Ademais, é habitual que estas comunidades se asenten en emprazamentos improvisados onde as súas necesidades máis básicas non quedan cubertas, o que as fai enfermar ou pode provocar brotes epidémicos: traballamos para paliar as consecuencias desas deficiencias sanitarias e do apiñamento, por exemplo facéndonos cargo da potabilización ou distribución de auga, da construción de latrinas ou da distribución de artigos de necesidade (kits de hixiene persoal, de cociña, de abrigo, de refuxio etc.). Tamén son esenciais as campañas de vacinación contra as enfermidades que maior risco presentan para estas poboacións, como o sarampelo, as diarreas ou a pneumonía.

MSF e as persoas desprazadas

Ó longo da nosa historia, traballamos en numerosas crises de desprazamento. A nosa primeira intervención tivo lugar en Vietnam en 1975, cos refuxiados camboxanos que fuxían da violencia do réxime khmer vermello. En 1979, xa eran moitas as emerxencias deste tipo ás que estabamos respondendo: na rexión de Ogadén (disputada por Etiopía e Somalia), en Tailandia (de novo poboacións camboxanas) e en Sudán (con persoas refuxiadas de Eritrea). Nas últimas décadas, asistimos ás poboacións refuxiadas dos principais conflitos armados.

Na actualidade, damos asistencia urxente a poboacións desprazadas e refuxiadas en Siria e os seus países veciños (Xordania, Turquía, Líbano, Iraq), Sudán, Sudán do Sur, República Democrática do Congo, República Centroafricana, Nixeria, Chad, Camerún, Etiopía, Kenya, Myanmar, Paquistán, Iemen, Colombia, México, o Mediterráneo e Europa, entre outros.