Cada ano morren máis de 800.000 persoas no mundo por enfermidades diarreicas provocadas polas insalubres condicións de auga, hixiene ou saneamento, segundo a Organización Mundial da Saúde, que tamén calcula que a mellora destas diminuiría nun 10% a carga de enfermidade mundial. En efecto, alén da diarrea, numerosas patoloxías poden previrse co acceso á auga potable e saneamento, mellores hábitos de hixiene e unha correcta xestión de residuos –por exemplo a malaria, a desnutrición, as infeccións de pel, a enfermidade de Chagas, as febres hemorráxicas ou a enfermidade do sono–.
Por tanto, as actividades de auga e saneamento non son un fin en si mesmas: son parte integral da acción médica e, do mesmo xeito que outras actividades preventivas como a vacinación, están destinadas a reducir a mortalidade e a morbilidade, e son cruciais en situacións de rápida deterioración das condicións de vida, como por exemplo o desprazamento masivo dunha poboación.
En que consisten?
Basicamente, estas actividades poden resumirse en dúas áreas fundamentais: asegurar a suficiente dispoñibilidade de auga potable e eliminar todo o que poida propagar enfermidades (tanto os reservorios como as vías de transmisión).
Dependendo do contexto, asumimos a potabilización das fontes de auga ou, en caso de non existir, o transporte de auga potable en camións cisterna; a rehabilitación ou construción de latrinas e sistemas de xestión de augas negras e residuos; a instalación de duchas e fontes para o lavado de mans; ou a distribución de artigos para a hixiene persoal.
En situacións de emerxencia, onde pode haber risco de gromos epidémicos, estas actividades deben implementarse de forma inmediata. Existen uns estándares mínimos en emerxencias agudas ou crónicas: traballamos para que cada persoa dispoña de entre 15 e 20 litros de auga potable ó día (para beber, cociñar e lavado persoal). Por exemplo, ó comezo dunha epidemia de cólera en Haití en 2010, os nosos equipos distribuían uns 300.000 litros de auga ó día ós 15.000 habitantes do barrio chabolista de Cité Soleil, en Porto Príncipe.
Tamén existen estándares mínimos nas demais áreas: unha latrina para cada 20 persoas e, para cada 80, dúas duchas, un depósito de residuos orgánicos e un lavadoiro de roupa. Dentro dos artigos de hixieneo xabón de mans é esencial xa que reduce a transmisión de todo tipo de enfermidades: asegurámonos de que cada persoa reciba o equivalente a 250 gramos ó mes.
Por suposto, todas estas actividades deben implementarse tamén nos centros de saúde, dispensarios e hospitais nos que traballamos, co fin de asegurar o control de infeccións e evitar que pacientes, familiares e persoal sanitario se contaxien. Por exemplo, son cruciais durante gromos de enfermidades como o ébola.
Cada ano, os nosos equipos distribúen centos de millóns de litros de auga. En 2018, realizamos estas distribucións entre as persoas refuxiadas rohingyas en Bangladesh (360 millóns de litros), as camerunesas en Nixeria e as congolesas en Uganda, así como ás poboacións desprazadas en Camerún, República Centroafricana, República Democrática do Congo ou Etiopía (70 millóns de litros en Gedeo). En Haití, mantivemos as nosas actividades de auga e saneamento destinadas a previr gromos de cólera, e tamén as organizamos para atender ás vítimas de varios desastres naturais en Indonesia ou para mellorar as condicións dos campos de persoas desprazadas do norte de Siria, dos albergues para migrantes en México ou de hospitais como o de Tonkolili en Serra Leoa.
Se queres saber como é unha planta potabilizadora de auga, non deixes de ver este vídeo sobre o noso traballo durante a atención de emerxencia ás persoas refuxiadas sudanesas do sur en Uganda en 2017.
Todas estas actividades están estreitamente relacionadas coa promoción da saúde, e ningunha das dúas é eficaz sen a outra: por moi ben construídas que estean unha fonte de auga ou unhas latrinas, non servirán de nada se non se utilizan correctamente ou non se manteñen en bo estado . E viceversa: a promoción dunha correcta hixiene non terá ningún impacto se non hai auga e xabón. Por iso, nas actividades de auga e saneamento son importantes os aspectos técnicos (que as instalacións sexan duradeiras e de rápida construción e fácil mantemento) mais tamén os aspectos humanos relacionados cos usos e costumes das persoas ás que asistimos.